Unións Agrarias solicita a urxente convocatoria da Mesa do Viño

O sindicato Unións Agrarias vén de reiterar unha vez máis a necesidade e urxencia da convocatoria da Mesa do Viño da Denominación de Orixe do Ribeiro co fin de acadar que o 100% da uva da próxima vendima estea amparada en contratos. Para o sindicato é fundamental que non se repitan os erros anteriores así como o feito de que antes do mes de maio, no que se produce a floración da vide, os produtores coñezan o escenario económico e contractual da próxima campaña.
Desde a organización sindical lémbrase que na vendima 2010, o 70 % da uva da Denominación de Orixe do Ribeiro non estivo amparada en contratos, 'un factor de inestabilidade grave para os colleiteiros, que viron que a súa produción, maila contar con boas expectativas e prezos, quedou exclusivamente en mans dos adegueiros', segundo indica o voceiro en Ribadavia, Carlos Basalo. Ademais, sinala que neste momento ningunha uva desta denominación está amparada por contratos, xa que as relacións contractuais remataron en 2010 e agora tocaría facer unha nova negociación.

Unións Agrarias non entende como a Consellería de Medio Rural, 'pese a alardear do seu compromiso cos contratos homologados e presionar ao Goberno central para que xeneralice a relación contractual no sector lácteo, non estea a dar os pasos necesarios para garantir a estabilidade no sector vitivinícola', sentenciou Basalo.

Te puede interesar