PREMIADO

O director Oliver Laxe: premio Cidade de Ourense

20161027102332600_result
photo_camera Oliver Laxe será o premiado nesta edición do festival.

Fillo de emigrantes galegos, cando tiña seis anos regresou coa súa familia a Galicia para instalarse na Coruña

O galardonado co premio Cidade de Ourense do festival será o cineasta Oliver Laxe.
Fillo de emigrantes galegos, cando tiña seis anos regresou coa súa familia a Galicia para instalarse na Coruña. Despois de estudar cine e realización na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e vivir unha tempada en Londres, realizou as curtametraxes “E as chemineas decidiron escapar” –en colaboración con Enrique Aguilar-, “Soa unha trompeta, agora vexo outra cara”, e “París #1”. As pezas foron proxectadas e, en ocasións tamén premiadas, en festivais coma o Festival Internacional de Cine de Xixón, o BAFICI, o Indielisboa e o Festival Internacional de Cine de Las Palmas, o Festival de Cine Experimental de Granada, o Filminho e o Play-Doc.


Tras unha estadía en Tánxer e impartir clases de cinema nunha asociación de acollida de menores, xurdiu “Todos vós sodes capitáns”, a súa primeira longametraxe. O filme estreouse internacionalmente na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes do 2010, onde gañou o premio FIPRESCI da crítica internacional, convertíndose así no terceiro español en obtelo tras Icíar Bollaín (“con Flores de otro mundo” en 1999) e Antonio Méndez Esparza (con “Aquí y allá” en 2012).


Co seu seguinte filme, “Mimosas” (2016), acadou este mesmo ano outro importante recoñecemento: o gran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes. “Mimosas” narra a travería emprendida por tres personaxes que queren dar sepultura ao corpo dun maestro relixioso. En palabras de Laxe, o filme é “unha viaxe xeográfica que vai en paralelo cunha épica interior”.


O cineasta atópase traballando na súa próxima longametraxe, “Aquilo que arde”, un proxecto cunha formulación que podería achegarse a un falso documental, unha ficción feita con parte de personaxes reais e parte de actores. Trátase dunha ollada persoal que xorde da atracción do director pola figura dun pirómano: Ramón. 

Te puede interesar