OUFF

A 25 edición do OUFF estreará a nova versión de “A metade da vida"

Esta estrea súmase á xa anunciada premiere de "Olvido y León" de Xavier Bermúdez

A película "A metade da vida" do director Raúl Veiga presentarase, na súa versión remasterizada, na 25 edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF). Estreado en outubro de 1994, foi o único filme da década rodado integramente en galego. Esta nova versión, en palabras do propio Veiga, chega "para facerlle o visionado máis amable ao espectador". O director está satisfeito de que o OUFF sexa o escenario desta estrea e define o festival como "un punto de referencia obrigado para o audiovisual galego".

Para o crítico Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival, a proxección deste filme  "correspóndese coa idea de consolidar o festival como a casa propia do audiovisual galego, máis aínda co que representou no seu tempo".

O guión de Raúl Veiga, inspirado en parte nun conto de Méndez Ferrín, presenta ao espectador a historia dun triángulo amoroso na Galicia de finais dos 80. H. Eire, músico de jazz, é o protagonista desta historia xunto ao seu amigo Pedro e a moza deste e amante do músico, Amalia.Nesta nova versión, reeditada pensando "no beneficio do espectador", poderase apreciar a mesma esencia do filme orixinal. Respecto disto, Veiga comentou que "o carácter do filme presérvase pero a comunicación mellora".

Pero a característica máis especial de "A metade da vida" é que foi o único filme galego do decenio. O equipo foi plenamente galego, dende o elenco ata os técnicos, algo que "foi unha ousadía tremebunda e que hoxe, felizmente, xa non chama a atención". Esta reestrea tamén quere servir de homenaxe a toda unha xeración de actores galegos que comezaban as súas carreiras, tales como María Bouzas, Evaristo Calvo, Alfonso Agra, Mela Casal, Isabel Vallejo e, especialmente, Ernesto Chao. Como afirma Veiga, a contribución do actor ribadaviense falecido en 2018 foi especialmente relevante para o filme.

A estrea desta nova versión de "A metade da vida" súmase á xa anunciada premiere de "Olvido y León" de Xavier Bermúdez, na gala de inauguración da 25 edición do OUFF, organizada pola fundación Carlos Velo e a Deputación de Ourense. 

Te puede interesar