entrevista

"Na obra aprécianse as polémicas e a ruptura de Valente co grupo dos 50"

Claus_result
photo_camera Saturnino Valladares –sentado– e Claudio Rodríguez Fer, onte en Santiago.

O doutor en Literatura Saturnino Valladares adicou a súa tese a analizar os pareceres que o poeta ourensán José Ángel Valente intercambiou mediante cartas con outros autores do grupo poético dos 50.

O doutor en Literatura Saturnino Valladares adicou a súa tese a analizar os pareceres que o poeta ourensán José Ángel Valente intercambiou mediante cartas con outros autores do grupo poético dos 50. Rematou a súa tese cun sobresaliente cum laude con este traballo e gañou o concurso da Deputación de Ourense, que vén de editar a obra, presentada onte na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acompañado de Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente. Agora, o obxectivo para o autor de "Retrato de grupo con figura ausente" é "facer unha presentación en Ourense".

Que van atopar os lectores?

Recopilei a correspondencia de José Ángel Valente con 14 autores do grupo poético dos 50. O máis interesante é poder ver a relación entre os poetas, as polémicas literarias entre eles, e tamén é salientable a evolución psicolóxica de Valente. As cartas empezan aos seus 24 anos, onde se ve como intentaba introducirse no mundo dos premios literarios, pedindo axuda, aínda que despois foi crítico con eses propios premios.

Foi difícil atopar as cartas?

As que el recibiu doutros autores están recopiladas na Cátedra Valente, polo que foi fácil. O difícil foi conseguir as que escribiu el. Algunhas están nalgunha cátedra, outras conseguinas falando cos que quedan vivos, e algunhas ouras foi imposible. 

Polo tanto podemos falar de que o epistolario non está completo.

Claro, poden continuar aparecendo máis cartas, o cal sería máis bonito e daría para ampliar a análise.

Que conclusión obtemos da relación de Valente e estes poetas?

Houbo unha disputa por saber se constituían unha xeración ou un grupo poético. Valente sempre negou formar parte dunha xeración, aínda que aproveitou a promoción deses autores. Ata finais dos 70, ten moita relación con eles, como con Juan Goytisolo. Pero a partir dos 80, esta relación enfríase. E xa nos 90 chegou a dicir que o grupo "foi a morralla literaria da época". 

E de onde vén este enfriamento?

Carlos Barral, Goytisolo e Gil de Biedma eran burgueses e tiñan moitos medios, polo que deciden crear unha xeración literaria a través dunha antoloxía, da que Valente forma parte. Con eles está Alfonso Costafreda, do que Valente se convirte en firme defensor. A ruptura chega a partir de que Gil de Biedma lle presenta a Costafreda uns poemas para que llos valore e este di que deses "solo uno es bueno, y aún así habría que mejorarle el 50%". A partir de aí, Gil de Biedma non o deixa entrar na antoloxía, ao que Valente se opón. 

Prodúcese aí a ruptura, logo..

Non aínda. Iso foi no 1959 e Valente mantén cartas con Goytisolo durante 15 anos máis, incluso foi de vacacións coa súa familia á casa de Goytisolo. A relación rompe a raíz do suicidio de Costafreda no 1974. Valente acusou a eses autores e publicou de aí en diante artigos insultantes nos que os chamaba "muñecos de serrín" ou falaba da "gitanería" de Juan Goytisolo. 

Te puede interesar