REPORTAXE

A máquina dos recordos

Varios usuarios do Centro de Día de Cruz Vermella mostran os libros que recollen a súa historia vital (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Varios usuarios do Centro de Día de Cruz Vermella mostran os libros que recollen a súa historia vital (MARTIÑO PINAL).

Os maiores do Centro de Día de Cruz Vermella festexan este ano as Letras Galegas dun xeito moi especial, cunha pequena publicación que recolle as súas historias de vida. Lugares, persoas, costumes e momentos que regresan así á vida.

"Somos historia" recolle os recordos da vida de 28 usuarios do Centro de Día de Cruz Vermella, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Baixo a premisa de que os maiores teñen moito que ensinar aos demais, traballadoras e voluntarias da entidade adicáronse durante os últimos meses a escoitar o relato das súas memorias para elaborar, a partir delas, unha publicación.

Durante a xornada de onte o centro adiantouse aos festexos oficiais -hoxe permanece pechado por festivo- e convidou aos usuarios a realizar diversas actividades das Letras Galegas, como unha divertida xincana para atopar os seus exemplares artesáns de "Somos historia". "Parecíanos interesante facer un libro contado por eles mesmos, e que fose algo que se poden levar ás súas casas, algo físico", explica Marisa González, directora do Centro de Día. Nas publicacións recóllense detalles da infancia, como o tipo de xogos: "Falanche das tabas, da billarda... Os libros tamén teñen imaxen, o que permite que recorden mellor". Algúns dos usuarios recordan con máis facilidade aqueles primeiros anos que o presente, tal e como explica a directora do centro: "Acórdanse de cousas como o nome dos seus mestres na escola unitaria, aínda que iso foi fai máis de 50 anos". 

Para moitos, o traballo de recordar trouxo momentos agridoces, pero tamén moitas alegrías. "Unha das mellores cousas da miña vida foi o meu marido, fíxome moi feliz e era moi bo conmigo", sinala Castorina Siota, participante na actividade. Unhas historias e outras teñen moitos puntos en común, como a emigración (ao País Vasco, Cataluña, Suiza, Venezuela...) ou as profesións (moitas das usuarias foron costureiras). 

O centro acolleu a presentación de "Somos Historia", onde estiveron presentes Felipe Ferreiro, presidente de Cruz Vermella; Ana Soto, voluntaria que participou na edición; as diversas traballadores que fixeron posible a edición e tamén profesores do CIFP Portovello. "Espero que sigades contando, que sigades disfrutando, moitas gracias por compartir a vosa historia", explica Ferreiro. Pero os maiores, a súa vez, quixeron agradecerlle o esforzo aos traballadores, "gracias a vós". 

Te puede interesar