un relevo histórico

"A activación do Val da Rabeda daríanos moita vida, é clave"

José Antonio Paz Prieto, candidato do PP (JOSÉ PAZ).
photo_camera José Antonio Paz Prieto, candidato do PP (JOSÉ PAZ).

José Antonio "Toño" Paz Prieto chegou hai catro anos a Taboadela e atópase agora co deber de continuar co legado de Manuel Gallego, que deixa a Alcaldía logo de 47 anos

Ten un reto maiúsculo, "co que non contaba". Chegou hai catro anos e atópase agora co deber de continuar co legado de Manuel Gallego, que deixa a Alcaldía logo de 47 anos, e  a quen o PP rende homenaxe hoxe no restaurante Conde. Non semella fácil substituílo, pero Toño Paz – que presume de taboadelés de sempre, aspira a suceder a un "referente", sabedor de que "chegar á súa altura é moi difícil". Quere coidar "o patrimonio que nos deixa e facelo o mellor posible". O seu contacto con Gallego vén de vello, xa que lembra que seu pai estivo na candidatura do rexedor xa a finais dos 70.  

Que Tabodela deixa Manuel Gallego? 

Taboadela non tiña nin Casa do Concello propia, senón unha de aluguer con catro libros e uns documentos, e pouco máis. Lembro aquel Concello, e hoxe en día hai un patrimonio moi importante en Taboadela, cambiou moito. 

Pediralle consello? 

El retírase, pero prestou o seu apoio, e para calquera cousa que necesitemos aí está. Vai seguir sendo do noso equipo e algunha vez haberá que pedirlle consello, máis a unha persoa que leva tanto tempo ao pé do canón. 

Que obxectivos se pon para liderar Taboadela? 

 O principal é que nos activen o polígono do Val da Rabeda. Atraería poboación, crearía traballo, traería uns ingresos ao Concello... Daríanos moita vida. Logo diso, está claro que temos unha poboación envellecida, e queremos apoiala, darlle mellores servizos, implantando un transporte de calidade. Unha espiña cravada que leva o alcalde é o de poñer céspede artificial no campo de fútbol, pero prometo que nestes catro anos conseguirémolo.  É un investimento importante pero teño o compromiso adquiridos de que nos axudarán. 

E coa despoboación, que se pode facer? 

 Hai que darlle outra imaxe ás aldeas, dándolle vida co transporte  e co arranxo constante. Quero que a xente se atope a gusto nos núcleos. Se conseguimos a posta en marcha do polígono, atraerase xente 

Falta vivenda no rural, onde viviría esa xente? 

 Hai que adquirir un compromiso de urbanizar unha zona do polígono, xa se falou dalgún proxecto dese tipo. Non só empresas, senón ubanización, para que a xente poida vivir preto de onde traballa. 

Da outra vez quitaron maioría absoluta por 12 votos. Ve posible conseguila agora? 

A aspiración é gañar por maioría absoluta. Nas xerais, os resultados non foron bos a nivel nacional, pero este é outro partido e outro campo. A xente vota polo candidato, confío na xente de Taboadela, temos un bo equipo, que mistura renovación e experiencia, e un proxecto claro. Pactos? Non asimilo iso, só penso na maioría, podémola sacar.

Te puede interesar