NO MARCO DO OUTONO FOTOGRÁFICO

Adentrándose na fotografía galega contemporánea

O Museo Municipal acolle a exposición do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que recaeu nas obras de Berto Macei e José Romay

O Outono Fotográfico segue enchendo de vida o Museo Municipal, desta vez coa exposición do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que recaeu nas obras do ourensán Berto Macei e de José Romay. Con esta presentación “adentrámonos intensamente no mes máis cultural da cidade, que a engrandece destino cultural”, afirmaba Belén Iglesias, concelleira de Cultura do Concello de Ourense, “o grande patrocinador do Outono Fotográfico”, en palabras do seu organizador, Xosé Lois González 'Che'.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que xa está inmerso na súa terceira edición, outórgalles un premio económico de 16.000 euros, a posibilidade de editar un libro e a itinerancia das súas obras. No caso de José Romay trátase dun “mapeamento do seu Salnés particular e as súas lindes para deconstruir as iconas que poidamos ter da comarca, e alén dela: sobre o feísmo galego, pero lonxe dos documentais que se teñen feito até o momento”, segundo afirmaba Víctor Nieves, curador da exposición.

No caso de Berto Macei foi máis unha “pulsión” persoal a que lle levou a enrolarse cunha familia de circenses no ano 2012, pero non para retratar a vida circense, “senón para apropiarme dela e retratar o carácter nómada da nosa existencia”, dixo. Tras as luces que acompañan o circo “descubrín o ambiente tenebrista e sórdido, case máis próximo ao cine negro”, afirmaba, de aí a forma e a técnica coa que están realizadas as fotografías.

A exposición do II Premio Galicia de Fotografía Contemporánea permanecerá aberta até o 13 de decembro no Museo Municipal en horario de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas de martes a sábados, e de 11:00 a 11:30 horas os domingos. A entrada é libre e gratuíta.

A vindeira exposición que acollerá o Museo no marco do Outono Fotográfico será a do pontevedrés Iván Merayo, Je Ne Baise Plus. E o venres, a partir das 20:00 horas, haberá unha visita guiada gratuíta e aberta a todo o público cos propios autores para coñecer de primeira man as súas obras.

Te puede interesar