La Región

ELECCIÓNS

Tabarés: "Agardo que a cidadanía esperte e vote o 28 de abril en clave Ourense"

Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso por Ourense, foi deputado autonómico de 2005 a 2009 e concelleiro no periodo 2003 e 2005

Iago Tabarés, durante a presentación da candidatura do BNG (ANDRÉS CACHALVITE).
Iago Tabarés, durante a presentación da candidatura do BNG (ANDRÉS CACHALVITE).
Tabarés: "Agardo que a cidadanía esperte e vote o 28 de abril en clave Ourense"

Regresa á primeira liña política con forzas e gañas renovadas, despois de tomarse un periodo de reflexión. Xa encabezara a lista no ano 2008 e fora deputado autonómico na época do bipartito, entre 2005 e 2009, e concelleiro en Ourense, entre 2003 e 2005. Durante os anos que deu un paso atrás notou que Galicia e Ourense non estaban no debate tanto como a él lle gustaría. Iago Tabarés volve para liderar a lista do Bloque Nacionalista Galego ó Congreso por a súa provincia. Dende a anterior etapa, moitas cousas cambiaron e outras aspira a cambialas tras o 28 de abril.

Deu un paso atrás na política e agora regresa. Atopou moitos cambios no sentir da sociedade?

A miñas campañas electorais, aínda que estou un pouco desentrenado, gústanme moito. É o momento no que se intensifica o contacto coa xente. É a maior expresión da política. Estamos recollendo certa dose de alegría cara o BNG. O feito de que non estivese en Madrid nesta lexislatura foi un lastre e moita xente cree que é algo a correxir. Iso anima.

Que lle din os cidadáns?

Percibo que a xente sinte que se falou pouco de Galicia en estes anos na política do Estado. Podía falarse de Cataluña, de corrupción, de recorte de dereitos... pero das necesidades propias de Galicia e de Ourense, para nada. Non atopei a ninguén que lembrase algunha iniciativa propia para Galicia. Non estivo na mesa en ningún momento.

Tampouco nos orzamentos do Goberno de Sánchez?

É unha realidade. Cando o BNG tiña representación, nun contexto onde podía influir porque os seus deputados eran necesarios para sacar adiante os orzamentos, non se invertían menos de 2.000 millóns. Agora, non chega nin a terceira parte. Iso sobre o papel. Se falamos de Ourense, vemos que cada ano se executa menos co ano anterior. A niveis que non se recordaban. Terrible.

Cales son as principales ideas que ten o BNG para a provincia de Ourense?

Temos que poñer a Ourense no mapa. Hai un medio rural desaproveitado. Explotemos racionalmente o monte, coidemos aos productores das denominacións de orixe, apostemos polo tecido industrial, por reter a nosa mocidade... Estamos perdendo poboación na franxa inferior a 35 anos. E por que non melloramos as pensións? Iso tería un retorno. Garantimos a calidade de vida e terá un retorno vía emprego e impostos. E por suposto, infraestructuras. Onde está a estrada a Valdeorras? Da tanta pena ver como so importamos para investir presidente. Logo de Ourense nin se fala.

E con tantas siglas e partidos en escena, confían en recuperar o sitio perdido?

Agardo que a cidadanía de Ourense esperte e vote en clave ourensá. Nos veñen de fora falando doutros debates, territorios ou épocas e o que escolleremos será o futuro de Ourense e as persoas que o defenderán. E todo sabemos que, agás o BNG, con partidos de obediencia estatal e levantarán a man cando os seus xefes de Madrid o digan. Temos que ter confianza en Ourense. Hai capacidade e xente con formación para sacar isto adiante. 

Percibe que o debate político baixou de calidade por a crispación?

Hai mensaxes que repite xente ben intencionada, pero que son moi pouco inocentes. Falo do 'todos son iguais'. Iso cala na xente e non é certo. Ese ruido que se escoita é terrible para Galicia e Ourense xa que opaca aínda máis calquera debate de programas e propostas. Temos que falar de medidas concretas. A provincia non pode permitirse outra cousa.