Agustín Fernández prevé que a súa aprobación definitiva non se produza antes de 'dous anos'

O alcalde de Ourense di que a chegada do primeiro borrador do PXOM 'culmina' unha 'primeira fase' pero 'queda moito'

O alcalde de Ourense, o socialista Agustín Fernández, manifestou este venres que se 'culminou unha primeira fase' do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ao recibir o xoves o primeiro borrador do proxecto. 'Estamos en fase inicial', matizou non obstante, para engadir que 'queda moito camiño' por percorrer'.
Agustín Fernández sinalou que esta primeira fase consistiu no 'traballo da empresa adxudicataria que entregou o traballo elaborado' e agora 'queda moito camiño por percorrer para a súa aprobación definitiva, non menos de dous anos,' explicou.

O rexedor socialista sinalou que o documento se atopa 'baixo custodia' do secretario municipal e do xefe de servizo do departamento de Plan e Xestión Urbanística porque é 'confidencial' e 'se analizará por parte dos técnicos o seu contido e se se adapta ao traballo encomendado'. A partir de aí, resaltou que se 'remitirá o máis rápido posible á Xunta de Galicia para o seu informe preceptivo'.

Ademais, Fernández sinalou que, tras entrar o borrador do novo PXOM no rexistro municipal, se 'informou' aos grupos de oposición e fixouse unha Xunta de Voceiros para o próximo martes, día 20 de novembro, para 'fixar a folla de ruta e ver o camiño deste documento tan importante nos próximos meses'.

'É importante para a cidade este instrumento que dá seguridade xurídica aos investidores e que se aprobe o máis pronto posible' afirmou o rexedor socialista, quen engadiu que 'o Concello de Ourense o aprobará en pleno e a Xunta de Galicia o aprobará definitivamente'.

'CAMIÑO LONGO'
O rexedor ourensano sinalou que é un 'camiño longo' xa que barallan sacalo adiante antes de que finalice este mandato municipal pero avogou por un 'consenso e diálogo' entre goberno e oposición porque 'a cidade xoga moito'. 'Vivimos nunha situación complicada con reclamacións patrimoniais e sería bo un plan definitivamente aprobado', apostilou.

Tamén se pronunciou sobre o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que denega a suspensión preventiva da ordenación urbanística provisional recorrida por uns particulares. Para Agustín Fernández, este auto permite 'desenvolver áreas importantes' que 'lle dean vida ao ámbito urbanístico que está de capa caída e sería bo que cando a iniciativa privada queira inverter se atope co camiño aberto e non con problemas'. Deste xeito, 'os proxectos non se paran e poden seguir adiante', resaltou o rexedor socialista.

Te puede interesar