Alejandra Pardo en Dodo Dadá

Interior da galería.
photo_camera Interior da galería.

Poñerme a salvo por si acaso é o intrigante título desta mostra na nova galería e centro de arte. Logo de inaugurar a súa andaina co anticlásico e non por elo menos consagrado Miguel Mosquera (n.1955), recoñecido creador e outsider singular da arte ourensá e galega, os seus promotores e artistas Xosé Vilamoure e Marita Carmona, ofrecen outra nova proposta expositiva nas antípodas daquela coa artista Alejandra Pardo Martínez (Santiago de Compostela, 1997). Achámonos así ao comezo dunha senda que se fará camiño que tratar de amosarmos, mais polo de agora a Galería que botou a andar en marzo pasado debulla o seu segundo chícharo plástico, presentando outro tipo de oferta, tamén sólida de fondo e forma. Eis polo de agora un perfil de ámbito galego, que amosa unha idea de novidade na escolla. A sala ademais, xa ten sido o lugar para a presentación dun poemario, e tamén, a comezos de mes, da última obra de Miguel Karballo, Confinamento e fuga en Tamallancos, fotocrónica, libro ilustrado do coñecido artista, quen xa ten currículo neste eido. Fai uns días a xoven artista fixo aquí un obradoiro de debuxo no que explicou á transferencia de imaxes.

Aborda a artista unha praxe tomando as súas fotografías como referencia das obras que traballa con minuciosidade buscando a interacción entre debuxo e pintura, como ten comentado para referirse aos inicios da idea para esta mostra; engadindo que contra o final quixo achegar fotografía e debuxo coas técnicas da litografía offsset e aquela mencionada liñas atrás, coa que fixo o stage docente na galería. E, por último, debuxou co lapis de grafito enriba das fotos. Os diferentes resultados do proceso creativo que Alejandra non agacha, amósanse en diferentes formatos nas caleadas paredes do espazo expositivo nas que se aprecian aínda as superficies dos ladrillos ou das rasillas, e a cor gris dos piares e trabes de formigón que non se tocaron, expresión do concepto in progress que queren transmitir dende a galería. Neste punto, co binario dos tons do interior semellan harmonizarse os debuxos en B/N da mostra. Teñen polo xeral unha buscada escuridade pola escolla nocturna das rúas ou prazas dunha cidade, que é o escenario. Mais a ausencia da xente, e as perspectivas deformadas crean un mundo expresionista moi de Metrópolis de Fritz Lang . Todo, e o suspense implícito, para desenvolver desde os ollos de Pardo o escenario propicio do medo da muller que camiña soa de noite. Eis un sentimento de preocupación feminino, relativo á seguridade e tranquilidade e que autora tivo ao saír dun concerto, o que quere compartir para chamar a atención en relación coa liberdade de acción, a calidade de vida das mulleres, así como o noso acceso ao lecer, nas súas palabras. Todo un manifesto e unha declaración de intencións dende a súa arte.

A xove artista gradúase en Belas Artes da UVigo en 2019, e ten sido dende ese ano até 2022 directora e docente en Pareidolia Espazo de Arte en Teo, nos arredores de Santiago. Ademais dalgunha colectiva, fixo exposicións na galería Black Box de A Coruña e o Espazo de Arte A Veiga, Teo. Actualmente cursa o mestrado de Artes Plásticas en debuxo na Universidade do Porto (Portugal).

Te puede interesar