Amoeiro axudará con 400 euros aos seus autónomos

Unha camareira atende a terraza nun bar de Amoeiro. JOSÉ PAZ
photo_camera Unha camareira atende a terraza nun bar de Amoeiro. JOSÉ PAZ
O Concello destinará 10.000 euros para apoiar a súa recuperación

O Concello de Amoeiro acaba de presentar as bases reguladoras para axudar aos seus autónomos a recuperarse do “forte impacto” que sufriron durante a pandemia do covid, como indica o seu alcalde, José Luis González. Para o financiamento das subvencións desta convocatoria o goberno municipal dispuxo un orzamento de 10.000 euros, aínda que a contía que percibirá cada autónomo será de 400 euros, podendo chegar, polo tanto, ata un máximo de 25 beneficiarios.

González recoñece que aínda que estas subvencións “chegan un pouco tarde, o importante é que cheguen”. O certo é que dende o Concello traballaron durante o ano pasado para ofertar outro tipo de apoios económicos, pero non foi posible polas “poucas garantías xurídicas ”. No que traballaban era na rebaixa dun dos tributos que depende directamente do Concello: a agua.

Para compensar que non chegase esta axuda, o goberno municipal ofrece agora estas subvencións aos autónomos ou empresas con actividades en locais de atención ao público -das que quedarán excluídas relacionadas coa saúde como as clínicas, as farmacias, as vivendas comunitarias ou as residencias de maiores-. Ademais, a cantidade que se ía destinar o ano pasado era de 7.000 euros, polo que se incrementaron en 3.000 para a convocatoria deste 2022.

Para acceder a estas axudas, os interesados deberán presentar as solicitudes no rexistro xeral do Concello, xa sexa de forma presencial ou telemática. O prazo abrirase pasados 20 días da publicación da oferta no Boletín Oficial da Provincia e ademais a percepción será compatible con calquera outro subsidio concedido polo Estado, a Xunta ou pola Deputación. 

Te puede interesar