Amoeiro converterá a ruta polo río Formigueiro no seu “referente turístico”

Así loce un tramo da pasarela xa existente da ruta do río Formigueiro.
photo_camera Así loce un tramo da pasarela xa existente da ruta do río Formigueiro.
Adicarán 150.000 euros á recuperación de dous muíños neste itinerario

A ruta dos muíños polo río Formigueiro é todo un éxito entre os veciños de Amoeiro e busca seguir gañando adeptos, desta volta coa recuperación de dous destas instalacións para darlle un uso etnográfico e converter a este itinerario “nun dos referentes turísticos do concello”, indica o alcalde, José Luis González.

Os traballos afectarán tanto ao interior coma ao exterior das construcións. Comezarase polo desescombro e a limpeza dos muros, para continuar con diferentes restauracións e a construción de novos muros de contención en ambos muíños e rematar coa cubrición dos mesmos, xa que, actualemente, presentan un estado de ruinoso. Ademais, tamén se actuará no propio río, con labores de limpeza do cauce e das beiras pola gran cantidade de vexetación que presenta. As obras serán financiadas ao 80% pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o resto polo Concello. Foron adxudicadas á empresa Eulen e teñen un prazo de execución de 5 meses.

González subliña que “un dos muíños ten unha gran ventaxa, que está moi preto da estrada e ten unha finca moi grande ao lado, polo que xa se está pensando en, o día que estea restaurado, instalar un restaurante ou algunha outra iniciativa como a creación dun museo. Está nunha posición ideal para levarlle os servizos básicos”.

En futuras actuacións, ao rexedor gustaríalle ampliar “en 1.200 metros máis” a pasarela xa existente -duns 800 metros de lonxitude-, así coma a creación dun área recreativa e a recuperación dun antigo poldrado (que é unha antiga obra de paso de pedra que cruza o río).

Te puede interesar