Unha andaina percorrerá pobos de Piñor para coller voluntarios

O Concello de Piñor, co fin de conmemorar o Ano Europeo do Voluntariado 2011 e contribuír a conquerir os seus obxectivos, celebrará o vindeiro domingo unha andaina popular polo municipio baixo o lema 'Un paso polo voluntariado'. As autoridades municipais invitan a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia, así como ós seus voluntarios para que, ademais de realizar a camiñata cos veciños, informen a tódolos asistentes dos obxectivos e alternativas que ofrecen as súas asociacións.
Deste xeito, xa está confirmada a participación de varias asociacións como AECC (Asociación Española contra o Cancro), e Cruz Vermella de Carballiño. O itinerario previsto pasará polos pobos de Cotelas, Mirela, Vilariño, A Folgosa, Freás, Guimarás e voltará a Cotelas. A saída será dende a antiga escola de Cotelas, ás 10,00 horas, cun percorrido curto de 10 quilómetros e outro máis longo de 15 quilómetros.

O sendeiro contará con varios puntos de avituallamento e, ó rematar, os participantes degustarán un xantar saudable. tamén se entregarán agasallos ós participantes.

Te puede interesar