Diarios do pasado

O antigo brasón do Concello de Ourense

Antigo escudo de Ourense na Fonte do Rei.
photo_camera Antigo escudo de Ourense na Fonte do Rei.


O “Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense” ten como símbolo o camafeo romano que aparecera nas escavacións das Burgas. Antes, cando se denominaba “Servicios Técnicos Municipais de Arqueoloxía”, usabamos o antigo escudo de Ourense, documentado dende as derradeiras décadas do medievo e utilizado na Idade Moderna ata que, en 1828, foi substituído polo que inclúe a ponte coa torre e as ondas do río. O escudo que antes timbraba os documentos do noso departamento municipal era unha reprodución do que aínda se conserva na Fonte do Rei ou Fonte do Bispo, canella situada detrás do Pazo Provincial, e que a diferenza do brasón actual, representa a única figura dun león rampante coroado e sostendo unha espada.

Un documento de mediados do século XV, concretamente do ano 1452, que cita os documentos oficiais que se gardaban nunha arca municipal, di que “...postos ena arca do dito Loys Gonçalves en hun saco de liño e mays o seelo do dito concello, que ten figura de lión...”. O máis antigo deste tipo que coñecemos, coa única figura dun león, é un selo do ano 1447 que se conserva debuxado nun documento da Catedral de Ourense. O debuxo representa ao león, aínda que a catro patas -denominado en termos heráldicos “león pasante”-, armado coa espada e, a diferenza dos posteriores, sen coroa. Nel aparece a inscrición “Ciudad Orense times Deum”. Como lles dicía, nós escolleramos como símbolo o brasón de Fonte do Rei/Bispo. Pero existen outros escudos na cidade e na súa contorna. Os colaboradores deste mesmo xornal, Afonso Vázquez-Monxardín e Juan Carlos Rivas, falaban dos outros que existen no termo municipal. Un, o xa citado na canella tras a Deputación, e os demais repartidos da forma seguinte: coroando a fonte da Burga Grande; no edificio da rúa da Primavera 3 coa esquina de San Marcial, construído no soar que ocupaba a antiga alfóndega municipal -depósito de trigo para as épocas de carestía- edificada en 1581; o que un día identificaba un vello matadoiro municipal, rematado con seguridade en 1584 e coas inscricións “POR EL REI” e “1585”, brasón hoxe depositado no Museo Arqueolóxico. Finalmente, o que loce a fonte lavadoiro de Cabeza de Vaca. Aos anteriores debemos engadir outros que se perderon, como o que coroaba o lavadoiro municipal das Burgas, da mesma época que o matadoiro e coa mesma inscrición que o do edificio destinado ao sacrificio de animais. Varias ideas se teñen exposto sobre o significado deste león que representaba á cidade de Ourense. Algúns relaciónano co reino de León, ao que pertenceu en épocas históricas. Incluso, remontando a toponimia desta capital, coa “Legio VI Victrix”, lexión romana instalada na cidade do mesmo nome e substituída no ano 69 d. C. pola “Legio VII Gemina”. Interesante parece a proposta de Francisco Fariña Busto, anterior director do Museo Arqueolóxico. Na publicación da “Peza do Mes” dedicada ao citado escudo municipal do matadoiro municipal e correspondente ao mes de maio de 2002, dicía que o león representa ao Rei e a espada é o símbolo da xustiza e da soberanía real, historicamente reclamada pola cidade fronte ao señorío episcopal que rexía dende o ano 1122. Sexa como for, polo menos catro son hoxe visitables para que os desfruten.

Te puede interesar