Ourense

As Antolóxicas retrospectivas de Prego da súa conmemoración natal

Ourense

ARTE ET ALIA

As Antolóxicas retrospectivas de Prego da súa conmemoración natal

Co gallo dos cen anos do nacemento de Manuel Prego de Oliver quixo o concello de Ourense conmemorar dun xeito especial a este artista, un dos máis sobranceiros da súa historia. E así como xurde ‘Prego de Oliver 100Anos’, un proxecto de cidade con tres exposicións simultáneas, que aboia no mes de setembro recente pasado e rematará en xaneiro de 2017, pasadas as festas de Reises, con dúas das mostras aínda en carteleira.

Hai en Ourense unha exposición que son dúas, e foron tres..., dedicadas a Prego de Oliver (1915- 1986). Dende elas pódese albiscar a ampla traxectoria deste artista que plasmou dende a época da República ata a Democracia, fases sociopolíticas que son como as codias do seu pan, cuxa miga desenrolou na época da Ditadura franquista. Antes está o xermolo no territorio da infancia e adolescencia, nos anos da fase final do reinado de Alfonso XIII e a ditadura de Primo de Rivera co rei á fronte. O convulso dos tempos, ricaz de estímulos, incluídos os da guerra, apenas deixan pegada no artista, cuxo estilo se centra no campo do figurativo e costumista, no que se asenta e que o define de seu dende uns personaxes arquetípicos, que extrae da súa paisaxe: o vello canso e esmolante, a vella activa que carga o feixe, ou a lavandeira nova no río Loña. Antes da concentración nos tipos individuais Prego de Oliver busca nos seus primeiros tempos de artista profesional a concreción daqueles estereotipos en pares, caso do vello cego e o lazariño, a velliña co cadelo ou os cabalos, para decantarse polo ser humano maior e calmo, que reflicte unha idea do rural co énfase no tempo doutrora. Este é tamén o dos grupos pastorais e bucólicos, nenos e nenas descalzos con frautas e ovellas, no campo. Un tema activo na súa pintura é o dos nús, transversal dende os anos corenta ata os oitenta, explosión de sexualidade, de costas ou de fronte, para clientela con perfil, dende o grupo de mulleres arredor dunha poza ata a muller soa e espida nun interior. Como o das nais mociñas co neno no colo, cos seus grandes ollos no rostro escuro, e amplos os peitos descubertos, ás veces con un canciño. Este tema novo comparte protagonismo co retrato, encargo e compromiso á vez, dende Risco na súa biblioteca, Otero Pedrayo, García-Sabell, Malingre, Ernesto Gómez del Valle,... Mais serán os numerosos bodegóns, de peixes e cunca de viño, ata os limóns ou as peras no prato, e os floreiros, nos que pode amosar coñecemento e sensibilidade como en poucos temas, con un simbolismo dende o cotiá. E tamén nos do mar, nos que a area con plantas, algo de auga e moito ceo, son os protagonistas; e as barcas varadas na area, metáforas todos dunha vida. E como un canto espiritual, as árbores sen follas dun souto, que fala dende o silencio. 

Esta é unha panoplia heráldica, aquí na Sala Valente, a principal das exposicións, na que hai nunha ampla mostra do artista que fixo do óleo o medio no que materializa a súa plástica, sobranceiras obras as súas dende finais dos anos sesenta ata a súa morte, que deixa unha gran pegada na burguesía, clase social que as demandaba. Aquí, neste espazo, pódense ollar os seus murais, que se proxectan na parede, o de Vigo, na Estación Marítima, os de Ourense, na Cámara de Comercio ou no Seminario Maior, entre outros. Na sala amósase o do antigo Hotel Parque, recentemente recuperado con xenerosidade e sensibilidade pola empresa Copasa, que mercou o edificio. Na outra sala, a do Museo Municipal, a carón da catedral, os comisarios concretan o mundo do seu “Taller: espazo de creación e materialización plástica”, que montaron na segunda planta, pois así estaba o do artista na rúa do Paseo, esquina Concordia. Aquí con tubos de pintura, pinceis e paletas, témperas e vernices, caixas de acuarelas e ceras, hai libros e obxectos que utilizaba, e debuxos para ilustrar contos de escritores que se publicaban os domingos en ABC, ou os debuxos para ‘Merlín e familia’ de Álvaro Cunqueiro. Un nó inimitable o do mestre Prego, dende Ourense, a Atenas de Galicia. E se os contos de ‘Se o vello Sinbad volvese ás illas’ son ‘un relato dos soños que non hai’, segundo lle escribiu na dedicatoria o mestre mindoniense, nos cadros de Prego de Oliver pódese albiscar unha época que xa foi do mundo esencial da Galicia.

Más en Ourense