La Región

LIMPEZA E ORDENACIÓN

O Arquivo Histórico gardará os pleitos políticos ata 1945

A ordenación da documentación xurídica antiga libera espazo para a actividade nos xulgados 

Arquivos desordenados da Audiencia
Arquivos desordenados da Audiencia
O Arquivo Histórico gardará os pleitos políticos ata 1945

Os traballos de expurgo (limpeza e ordenación) realizada nos nos xulgados da provincia de Ourense liberaron o espazo que ocupaban centos de caixas con documentación xudicial de hai case dous séculos. O labor consistiu na localización, identificación e relación de expedientes anteriores a 1946. A súa situación era moi precaria porque, de feito, os documentos da Audiencia Provincial, a que maior volume almacenaba, atopábanse nun local da Cámara da Propiedade e, ata a súa ordenación pola arquiveira, estaban tirados polo chan en total desorde e cheos de lixo. Procedeuse tamén á clasificación por anos do resto de documentación atopada neste local e nun piso adxacente, no que se atopou documentación do Xulgado do Carballiño.

Destes fondos, organizáronse e relacionáronse para ser transferidos ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense os documentos que chegan ata o ano 1945. O Arquivo Histórico acollerá a documentación do Xulgado de Instrución provincial de responsabilidades políticas e o Tribunal especial de foros, cun especial valor documental. Ademais,en vindeiras datas recolleranse documentos de outros xulgados.

Na comunidade galega existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Estímase que en total estean almacenados uns tres millóns de de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.

Por tanto, estase levando a cabo un inventario dos fondos documentais que gardan os xulgados galegos determinando cales son dignos de se conservar polo seu interese histórico e cales se poden eliminar. Con esta medida, estímase que as sedes xudiciais galegas gañen un 75 por cento de espazo, ao tempo que se facilita o acceso á documentación que queda, e conservar o patrimonio galego.