A Asociación Camiño solicita información sobre o asilo de O Carballiño

A Asociación de Veciños Camiño do Carballiño manifesta a súa preocupación polo funcionamento e xestión do legado da Fundación Hermanos Prieto dende que se foi a congregación relixiosa das “Hermanitas de los Ancianos Desamparados”.

Segundo sinala a entidade, “moitos veciños e familiares de usuarios da Residencia Hermanos Prieto trasladáronnos a súas inquedanzas sobre o actual funcionamento da residencia, así como dunha posible deriva nos cumprimentos orixinais das funcións para as que se creou esta fundación”. 

Nese sentido, refírese Camiño como exemplo a un dos puntos principais dos estatutos, sinalando que “a fundación ten por obxecto dar asilo, albergue, alimentación e prestar toda clase de coidados aos anciáns desamparados maiores de sesenta anos... sendo en todo caso actividades sen animo de lucro” e que “os beneficios obtidos se revertan no mantemento, reparación e melloras no patrimonio da fundación”.
É polo que engade que “dende a nosa asociación solicitamos que Francisco Fumega, como membro vocal do padroado, informe a toda a veciñanza sobre o estado e funcionamento actual da fundación para comprobar que sigue cumprindo coas vontades dos Hermanos Prieto”.

O pleno de hoxe aborda tres mocións da oposición que instan ao alcalde a informar sobre a xestión.

Te puede interesar