Vida

Aventuras para os cativos

18-08-17-14-38-42-550_deco

Ángela Fernández Rey soubo dende moi nova que o seu era escribir. Atrás quedaron aquelas historias esparexidas en papeis e, a día de hoxe ten publicado varios libros

Cando nace a súa paixón por escribir?

Desde moi nova. De adolescente escribía as miñas historias en follas de papel. Soñaba que algún día, estas creacións, repousarían nos andeis das librerías.

“Chitón ata a Fin da Terra" é o seu último libro, que atopa o lector/a nel?

Atopa a Chitón, un morcego que quere ver polo día o que hai fóra da súa cova, no Monte Pindo. Coñece a Gavi, unha gaivota a quen convence para que o leve ver os lugares da zona: Carnota, Ézaro, Fisterra... Fanse bos amigos pero a gaivota trata de facerlle entender que a súa vida ten que desenvolverse pola noite. É unha excursión a vista de paxaro, onde o público infantil aprenderá cousas que antes non sabía.

Como está sendo a acollida?

Moi boa, tanto en pequenos coma en maiores, non só pola historia que conta o libro e os lugares que describo que son reais, senón tamén polos valores que pretendo inculcar como a amizade, o respecto, a sinceridade. É un libro educativo sen deixar de lado a aventura e a diversión. Estou moi feliz.

Escribe libros para o público infantil, é un lector complicado?

O certo é que si. Custa crear unha historia que lles chame a atención, hai que buscar un vocabulario axeitado e por suposto, nun conto, non poden faltar unhas ilustracións bonitas e coloridas que chamen a atención do lector/a. Sempre digo que son o escaparate que convida a ler. Para isto, Anabel Montouto, a ilustradora de "Chitón ata a Fin da Terra", reflicte á perfección, cos seus debuxos, o que eu expreso coas palabras.

Que é o que máis lle gusta de escribir para os nenos e as nenas?

Que son un público agradecido, esixentes e os mellores críticos literarios.

Recibiu o premio Pura e Dora Vázquez. Que significou para vostede ese momento? E na súa traxectoria profesional?

Cando me chamaron para comunicarmo, non fun quen de crelo. Pensei que alguén me estaba a gastar unha broma. Era o primeiro certame ao que me presentaba, non podía ser certo o dito de "chegar e encher". Este premio foi o impulso que precisaba para dedicarme en serio ao que máis me gusta que é escribir.

Algún proxecto que nos poida contar?

Teño dous contos rematados: un é a segunda parte de Por que está triste Miañas?, o outro é un conto dedicado ao meu pai. Nel, contei coa axuda da miña sobriña Sofía. Tamén pretendo continuar coas aventuras de Chitón. Pero todo ao seu tempo.

Algún agradecemento especial?

Si. Quero dar as grazas a todas esas persoas que me apoian, protexen, acompañan, axudan, me fan rir. 

Te puede interesar