Aves rapaces liberadas polos rapaces do Pereiro

A natureza é a mellor aula de ciencias que existe e comprobárono onte unha vintena de nenos do Pereiro. Da man do Centro de Recuperación da Fauna do Rodicio, puideron soltar unha curuxa, unha avelaiona e un falcón peregrino.

Unha vintena de cativos do concello de Pereiro de Aguiar puideron vivir onte unha experiencia única. Da man do Centro de Recuperación da Fauna do Rodicio, puideron coñecer de primeira man a unha curuxa, unha avelaiona e un falcón peregrino. Na visita tamén participou o delegado da Xunta, Gabriel Alén, que, lembrando os seus tempos de mestre, ofreceu unha clase aos nenos sobre que facer se atopan a unha ave destas características ferida no chan.

Tamén se explicou o funcionamento deste centro, competencia da Consellería de Medio Ambiente. Alí, os técnicos axudan aos animais a recuperarse de feridas para, unha vez sanados e fortes, reintegralos na vida salvaxe, “que é onde deben estar”, asegurou Juan José Gómez, xefe do servizo de patrimonio natural da Xunta en Ourense. Gómez insistiu no mencionado por Alén sobre o protocolo para axudar dun xeito apropiado aos animais silvestres que se atopan feridos, ademais de abundar nas características de cada unha das aves que se soltaron onte.

As aportacións foron constantes nunha clase de ciencias naturais desenvolvida en plena natureza e, se ben houbo algúns meniños asustados e que preferían manterse lonxe, outros máis valentes ata se animaron a tocalas e ata soltalas para devolverlles a súa liberdade.

Te puede interesar