Baltar: “Ourense e o norte de Portugal teñen un proxecto termal único que non entende de fronteiras”

Na inauguración dun webinar organizado no marco do proxecto europeo Raia Termal, no que a Deputación participa como socio, o presente provincial defendeu que as políticas termais “ocupen un capítulo importante na axenda dos gobernos

Ourense e o norte de Portugal teñen un potencial incrible que non ten ningún outro territorio en Europa, pero sobre todo un proxecto termal único que non entende de fronteiras”, afirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na inauguración dun webinar organizado no marco do proxecto europeo Raia Termal, no que participa como socio a institución provincial xunto coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e as cámaras municipais de Terras de Bouro e Melgaço. 

Baltar puxo de relevo a singular condición de Ourense “como a provincia española que ten máis quilómetros de fronteira con Portugal, o que non só nos sitúa nunha avantaxada posición de irmandade, senón tamén de oportunidade para aproveitar os recursos termais que posuímos e que deben ter un protagonismo máis que relevante no futuro desenvolvemento económico a un e outro lado da raia”. 

As políticas termais, dixo, “deben ocupar un capítulo importante na axenda dos gobernos, nun momento no que en Europa estase a falar de dinamización das zonas rurais e de reto demográfico cos fondos Next Generation en primeiro plano, pero onde tamén temos que traballar para conseguir  que se habiliten fondos específicos para o termalismo, porque se a auga é vida, a auga termal é saúde”. 

Para o presidente provincial, “as oportunidades do territorio que conforman Ourense e o norte portugués aumentan no momento no que nos achegamos a un periodo de pospandemia, no que de cara ao turismo e á saúde podemos ofrecer un produto termal único sempre sobre a base da colaboración público-privada”. 

Manuel Baltar subliñou a importancia do proxecto Raia Termal “para aprender do que facemos uns e outros, afondando na colaboración, sentado as bases para futuros proxectos e traballando en rede”, citando sobre este último aspecto o importante papel que a Deputación pode xogar pola representatividade que ostenta como presidente na Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa, no Foro Termal do Eixo Atlántico ou na Asociación Europea de Gobernos Provinciais (Partenalia). 

Na apertura do webinar tamén participaron o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o alcalde da cámara municipal de Terras de Bouro, Manuel Tibo, aos que seguiron relatores pertencentes ao ámbito político e empresarial para debater sobre a importancia do termalismo á hora de dinamizar o territorio e, sobre todo, reactivar a actividade turística, un aspecto destacado pola secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, na clausura do encontro. 

Destino termal de calidade 

O proxecto Raia Termal, “Un destino, dous países”, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é crear un único destino termal que promova un turismo de calidade e maila dinamización económica da zona transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal. 

Os obxectivos deste proxecto, que se espera remate na segunda metade do ano, son impulsar a cooperación dos axentes do sector turístico termal transfronteirizo cunha xestión e promoción conxunta dos recursos e itinerarios termais; valorizar economicamente estes recursos a través da recuperación e conservación de espazos naturais e patrimoniais; e promover o termalismo a ambos lados da raia como un recurso turístico ambiental singular e atractivo para os mercados español, portugués e europeo en xeral. 

Te puede interesar