Barbadás lidera a xestión municipal de biorresiduos

A concelleira de Medio Ambiente.
photo_camera A concelleira de Medio Ambiente.
O contedor marrón para facer compostaxe chegou xa a case 4.000 vivendas do concello 

O Concello de Barbadás leva case medio ano coa instalación da proposta de biorresiduos. Esta campaña “pioneira” en Ourense chámase “Ti tes a chave” e promove a posta en marcha dun plan de xestión para a recollida da materia orgánica para a compostaxe e a implantación do colector marrón na localidade. A tenente alcalde e concelleira de Medio Ambiente, Victoria Morenza Doforno, expresa que “a xente do rural está familiarizada co tratamento da materia orgánica, como xa fixeron os nosos ancestros dende sempre, pero coas implantacións medioambientais actuais esta iniciativa pásase tamén á zona urbana”. 

Esta proposta que segue o modelo  de Sogama e recibe as axudas da Xunta de Galicia a nivel europeo, comezou no último trimestre do ano 2023. Neste primeiro proceso, o traballo consistiu en iniciar a campaña “coa entrega da primeira serie de composteiros e caldeiros marróns a todos os domicilios urbanos. Desta forma reduciuse o lixo e contribuíuse a un bo ciclo de compostaxe”, expresa Morenza.  Actualmente, existen 2.400 vivendas  no casco urbano e 1.300 inmobles no rural que xa aplicaron esta medida.

Expansión

Comeza o novo trimestre e o material amplíase, co que a preocupación do Concello é aplicar campañas de sensibilización para que máis xente se una no emprego deste método de reciclaxe. “Xa temos a disposición os novos composteiros para aplicar en A Valenzá, As Lamas e Fincafierno. Estamos procedendo a seguir coas campañas de sensibilización na rúa, nos colexios e cos grandes produtores. En abril teremos outra campaña nas vivendas da Valenzá para explicarlle este método aos veciños. Todo isto é unha rede de estruturas para instaurar esta iniciativa a nivel autonómico”, indica. 

Para conseguir o crecemento de usuarios que queiran reducir a cantidade de lixo, Morenza explica que se pode acceder a obtención dos cubos a través da páxina web do concello  barbadas.es, en oficinas municipais da Valenzá no 988 39 31 68 ou no Concello no 988 36 00 00. “Este é un sistema que en Europa xa se instaurou hai moito tempo e cada usuario ten unha chave propia para poder acceder ao cubo”. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, “esta alternativa consegue reducir gases contaminantes e custos e aporta beneficios ao medio ambiente”, especifica.

Restos de froita, carne, peixe, froitos secos, cunchas, papel de cociña, tapóns de cortiza, café ou infusións son residuos que se botan neste novo contedor. Desta forma penéirase máis o lixo do contedor orixinal e conséguese “reducir máis o lixo e os custes de tratamento”. 

Precisamente, dado que a nivel xeral “cada familia xera media tonelada de lixo ao ano deste biorresiduo, todo vén a indicar que se se conciencia ben á xente, a campaña funciona”, explica  a concelleira.

Gasto

 Segundo explica Victoria Morenza, o gasto da campaña ascendeu ata os  744.381 euros. Deste total, o Concello puxo “do seu peto 464.404 euros, polo que temos un déficit de 280.000 euros”.  A concelleira apunta que teñen a esperanza de reducir este “desfase económico” se conseguen “reducir máis o lixo”.  Cantos máis usuarios se sumen ao contedor marrón, “máis custes se aforran”.

Te puede interesar