Entrevista

Xosé Carlos Valcárcel: “Barbadás ten vida propia, non é ningunha cidade dormitorio"

Xosé Carlos Valcárcel, na praza do Carril, en Sobrado do Bispo. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera Xosé Carlos Valcárcel, na praza do Carril, en Sobrado do Bispo. (Foto: Miguel Ángel)
Valcárcel é o alcalde socialista de Barbadás, a vila máis dinámica demograficamente

Xosé Carlos Valcárcel (Pereiro de Aguiar, 1963) é o alcalde socialista de Barbadás, a vila máis dinámica demograficamente. Ten claro o futuro do seu concello tanto como as súas ideas: "Son socialista, nacionalista e cristián". En tempos convulsos, reafirma os valores. "Temos que ter como sinal de identidade a idiosincrasia do galego. Hai que pór en valor a vertente nacionalista".

Barbadás é o oasis do deserto demográfico. Cando vai parar? 

A valoración é positiva, repercute na vida social. Non somos unha cidade dormitorio, somos un concello que ten vida propia, non somos unha prolongación da cidade. Temos que prestar servizos propios, aínda que colaborando coa capital, como no transporte ou infraestruturas. A maior parte traballa fóra pero vive Barbadás. Hai establecementos comerciais dabondo, non hai case baixos baleiros. Temos que potenciar a vida propia, como o "Barbadás a Bocados" para a hostalería ou o "Barbadás Outlet" para o comercio. 

Cal é o teito de poboación? 

Vai en función da dispoñibilidade de vivenda. Agora non se está a construír como se facía antes. Tamén hai un incremento fóra da Valenzá, como en Sobrado, Piñor, Loiro ou Barbadás. Hai sitio para seguir medrando. No padrón superamos os 11.000 veciños pero hai estudos en función do consumo de auga e enerxía que falan de 13.000. Hai moita xente sen empadroar. Fixemos unha campaña e seguiremos traballando. O tema impositivo non é motivo para non empadroarse, senón que é a razón para estar empadroado. Saímos gañando en case todos os impostos ou taxas en relación a outras vilas. A proba é que temos un orzamento de 6,7 millóns con 11.000 habitantes, cando Allariz ten 6 millóns con 6.000 veciños. 

Non supón un problema? 

Evidentemente, cando queres investir non tes recursos propios e precisas financiamento externo de Deputación ou Xunta. Non me gusta chorar, senón reivindicar. E reivindico un plan único de financiamento para os concellos acorde ao número de habitantes, pido un trato igualitario en relación a concellos gobernados por outros partidos. Sentímonos discriminados e maltratados.  Cun plan único teriamos medio millón ao ano e agora non recibimos nin a quinta parte .

Único concello de máis de 10.000 veciños sen instituto. Por que? 

O que ocorre é que o terreo que dispuxo o anterior goberno está nunha área de reparto, que está en mans duns propietarios e que teñen que desenvolvela urbanisticamente. Cando o fagan, teñen a obriga de ceder un espazo para o instituto con todo: auga, saneamento, iluminación... Pola crise, non se desenvolve, está paralizada. A Xunta esixe terreos urbanizados, pero se o fai o Concello son máis de dous millóns. Temos máis de 10.000 habitantes e somos dos que máis crecen en Galicia. A Xunta debería valorar a posibilidade de financialo.

Hai máis carencias... 

A gardería pública. Temos unha de 100 prazas, que sempre se cobren. Hai un bono que chega a 100 euros mensuais para axudar os pais a pagar  unha praza nalgunha das dúas privadas. O problema para ter unha pública máis son os terreos. Ata hai seis anos construíuse só para beneficio dos construtores e agora non hai terreo axeitado. Igual ocorre co centro de día, aínda que localizamos un punto que proporemos á Xunta.

Outra das teimas é o transporte metropolitano. Hai avances? 

A iniciativa é da Xunta, nun momento dado estaba todo para asinar e paralizouse. O 1 de xaneiro entra unha nova empresa de transporte e haberá unha modernización substancial. Aumentaranse as frecuencias, especialmente as fins de semana,  máis frecuencias co centro de saúde, novas marquesiñas e informatizarase o sistema de alertas e de recargar o bonobús.

Non sería ideal ter o urbano? 

O ideal sería o metropolitano. Como vai para longo, hai que buscar outros sistemas. O urbano está en precario. Miguel Caride cre que no primeiro semestre de 2020 poderán licitar o servizo e a partir de aí poderemos falar de extensión de liñas. Problema? Habería que compensar a merma de ingresos que tería a empresa que presta o servizo en Barbadás, habería que negocialo. Sería oportuno que a concesionaria de Ourense fose a mesma que a de Barbadás; sería máis doado. 

Por que non repetiu o bipartito? 

Os dous grupos que sumábamos goberno (PSOE e BNG) subimos un escano,a valoración foi positiva, mantiven a oferta de entrar no goberno, pero non quixeron. Hai que respectalo, Serafín Núñez fixo un gran traballo e Fírvida foi un gran compañeiro. Eu preferiría gobernar con absoluta, pero tamén é certo que cando non a hai toca dialogar máis e ceder, aínda que en coalición tamén se cedía. O obxectivo agora é aprobar os orzamentos. 

Está paralizado o Concello, como di o PP? Falta persoal?

Si que pode faltar persoal. Nalgún caso é evidente, como na Policía Local, pero estamos limitados pola lei,  que impide contratar funcionarios. A actividade que se fai en Barbadás e moi superior á de antes.  Por iso estamos reorganizando o persoal. Cos sindicatos retomaremos as negociacións para o convenio, e estará resolto no primeiro semestre de 2020. Hai que ser claros: os horarios que teñen os funcionarios do noso Concello non se axustan á lei. Nós teremos que ceder, pero eles tamén. 

Falando de horas, por que non ten dedicación exclusiva?

Traballo continuamente, estou dispoñible as 24 horas. Un alcalde como o de Barbadás podería cobrar 50.000 euros. A min paréceme unha aberración que un alcalde para  11.000 veciños poida gañar iso. Ter dedicación exclusiva leva en moitos casos a acomodarse. Non se pode profesionalizar a política. Cando alguén vive dela, xorden controversias. Sempre hai alguén que quere seguir porque non ten outra opción laboral.  

O PP é moi crítico desde a oposición. Hai algo de sintonía?

É francamente difícil. O obxectivo dun político local ten que ser o benestar da veciñanza, criticar as eivas e pedir melloras, pero non xudicializar o día a día. Chelo Vispo? Temos unha relación meramente política. Cos outros da oposición? Unha relación cordial, máis humana.

Cambiou a xestión da gardería, tan criticada hai un ano?

Tomáronse medidas, cambiáronse dinámicas, comportamentos... A satisfacción é boa, non recibín críticas.

 Que logros destaca deste ano?

A nosa máxima é o equilibrio territorial. Rematáronse a praza de San Xoán e do Carril en Sobrado, parques na Valenzá, e está avanzada a mellora do Campo de Roma en Piñor ou a praza do Pumar en Bentraces. Tamén o Centro de Información á Muller, conveniado con Taboadela e quizais con Toén. Houbo problemas nas obras, pero encauzáronse.

E que espera para 2020?

A Casa da Mocidade ou a ampliación do polideportivo, que en oito anos quedou pequeno. Esa son as eivas que imos atopando do anterior goberno, que pensaba en pequeno. Tamén a gardería ou un auditorio ao aire libre son os obxectivos  

Está na executiva do PSOE, ten máis saúde da que tiña o partido?

Estase a facer gran traballo na provincia. A maioría de vilas teñen alcalde socialista, é un síntoma. E nas xerais, o PSOE acadou o 40% do voto na cidade. É un partido que tivo disensións, pero apelo á unidade para acadar a alcaldía da cidade e a Deputación. A Xunta será posible polo carisma e carácter de Gonzalo Caballero. A nivel nacional? Hai que gobernar con partidos de esquerda e se é co apoio ou abstención de ERC hai que facelo. Temos afinidade no social e o de Cataluña soluciónase con diálogo.

Te puede interesar