ENTREVISTA | VIDA

Beni Rodríguez, un feixe de lembranzas en Toro

20170216083224992_result
photo_camera Beni Rodríguez

O libro desta enfermeira nace do amor pola súa terra. Para que non se perdan os recordos dos antepasados

Beni Rodríguez é enfermeira e neste ámbito se move no día a día. Pero o amor pola súa terra, Toro, Laza, a levou a atreverse a escribir "Toro, lembranzas dunha aldea". Un libro no que, dende o corazón e co fin de aportar o seu gran de area en aras de que non se perdan os recordos dos antepasados, recolle recordos e vivencias doutros tempos, doutro ritmo de vida, de festas e traballos e, ante todo, da unión dun pobo por saír adiante.

Como se lle deu por escribir “Toro, lembranzas dunha aldea"?
Empecei recollendo datos para un traballo de investigación relacionado coa miña profesión e dinme conta que a xente me contaba moitas máis cousas, falábame da sua vida, dos seus recordos, do traballo, das enfermedades, das festas... e decidín que tiña que recoller esa información e plasmalo nun libro para que non quedase no olvido, para que todos o puidesen coñecer.

Desvélenos, que recolle nel? Se non me equivoco aúna a faciana máis persoal coa investigación...
Recordos de toda unha vida. Unha maneira de vivir nunha aldea do interior no que cada veciño aparte de traballar no campo e co gando, desenrola unha capacidade para desempeñar traballos artesanais e poder subsistir e dispor de todo o que necesitaban sen saír da aldea. Unha xente que traballaba unida, se divertía unida, constituían una gran familia que se axudaban entre eles e conseguían ser felices co pouco do que dispoñían. Falo de arquitectura, de economía, das labores e os aperos do campo, da xente, da gastronomía, de tradicións...

Con este traballo busca achegar algunha mensaxe ao público?
Este libro pretende ser unha homenaxe a toda a xente do rural, en especial aos veciños de Toro, que co seu esforzo e o seu traballo foron quen de sacar adiante un pobo carente de recursos e cunha carga engadida que é  a sua situación xeográfica, que hoxe nos gusta tanto pero no pasado supoñía un gran problema. Pretendo dar a coñecer ás novas xeracións o traballo dos nosos antepasados, recuperar tradicións, oficios. Concienciar os políticos do gran potencial que existe nos pobos e axudar a que non desaparezan.

Cal é o trasfondo co que nos atopamos?
A realidade é que, como moitas outras aldeas, está sufrindo a despoboación e o olvido dos gobernantes. Os camiños cheos de silvas, os eidos sen cultivos, as casas medio derruidas... pero tamén é certo que entre todos os que amamos esta terra estamos tentando que non desaparezca, estanse a restaurar algunas casas e os que podemos voltamos a aquel paraíso cada vez que nos é posible.

Como está sendo a acollida?
Moi boa. Empezou en agosto facendo a presentación na aldea e o mes pasado foi en Ourense. Estou moi contenta pola repercusión que está tendo. A miña pretensión é tamén dar a coñecer a miña terra, que se acheguen ata alí e desfruten dunha paisaxe única, do interior, do agreste da serra , dunha vista espectacular dende o alto dunha montaña, “na que se pode tocar o ceo”. Podes ver as chairas de Laza, o Castelo de Monterrei, a Limia e ata Portugal. Desfutar do cañón do río Cabras, de rutas de sendeirismo, e agora que estamos preto, do Entroido máis enxebre.

Que lle din na súa aldea polo libro?
Pois a verdade é que me din cousas moi bonitas, de como se emocionaron ao lelo, que recordaban ós seus avós, que me agradecen o traballo e que será un legado para os nosos fillos. A miña maior alegría é que lles guste a eles xa que foron os verdadeiros protagonistas, gracias as conversacións sobre todo coa xente maior, foi como se foi escribindo o libro. Este traballo permitiume achegarme a moita xente e coñecer a outra, como foi o caso dos descendentes das familias que traballaron alí na época da construcción da vía do tren.


Tamén puxo en marcha unha exposición de fotos antigas.
Efectivamente. Despois de levar varios anos falando coa xente do pobo, de escoitar lendas e historias, de oír falar dos seus antepasados, das súas inquedanzas, das súas miserias, do seu traballo, dos seus esforzos, das súas diversións, da mocidade, das familias, dos nenos... e, como non, da unión que sempre houbo entre a xente facendo do pobo una gran familia, xurdiu a inquedanza de porlle cara a todos esos nomes e así funme facendo cunha gran colección de fotos. Retratos gardados no fondo dun caixón, no faiado das casas, entre as follas dun libro vello, case todas feitas polo “retratista de Matamá”, que foi quen tuvo a destreza de deixar unha pegada de historia en cada una delas. Fotos nas que se pode observar a tristeza dunha mirada, a alma duns nenos, a ilusión duns mozos, ou o cansancio dunha nai. Reflexan as festas, o entroido, as reunión familiares, os traballos, a maternidade... O ano 2010 conseguín facer realidade un soño, compartir con toda a xente esa colección de fotos. O día da festa do pobo fíxose una exposición de fotos antiguas na escola do pobo cunhas cen fotos en branco e negro. 

Algún proxecto a curto plazo?
Si, algo teño en mente para dinamizar aquela terra, organizar xuntanzas, darlle un pulo a aldea. Conto para elo co apoio dos vecinos e espero conseguir a axuda do concello. Próximamente teremos unha xuntanza, a II edición de Motoros, que reúne a amantes da natureza e as motos, que foi un éxito na primeira edición e esperamos se supere nesta. De aquí ata o verán espero ter organizada alguna actividade para poder disfrutar daquela terra xuntos e a que invito a que a veñan a disfrutar todos os que queiran.

Te puede interesar