O BNG constata inseguridade na UCI do CHUO pero o Sergas négao

O Satse fala de “deficiencias” na nova área da UCI do CHUO

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento galego por Ourense, Noa Presas, asegurou onte que a Xunta de Galicia discriminou Ourense nos últimos anos e puxo como exemplo o CHUO, polo que propón incrementar as prazas de persoal para compensar “as dificultades na atención”. 

A candidata tamén sinalou a incompetencia da Xunta en materia de infraestruturas exemplificándoo no Plan Director elaborado e executado polo PP que “consiste en parches e remendos”. “Temos exemplos de goteiras en días de choiva, de caídas de teitos do Hospital e un longo etcétera, así como unha política laboral que expulsa profesionais”, criticou Presas.

Ademais, Presas tamén falou das “deficiencias” na nova área da UCI que denunciaron dende o sindicato Satse, asegurando a cabeza de lista do BNG que o que está a trasladar o persoal é que “son ineficientes, que mesmo non se contou con eles para levar a cabo estas actuacións e que isto fai que hoxe haxa graves problemas de seguridade”. 

Dende o Sergas aseguran que tanto as infraestruturas, como o equipamento e dotación de persoal da UCI do CHUO permiten garantir a seguridade e bo manexo clínico dos pacientes. Ademais, manifestan que “para a posta en marcha da reforma da UCI contouse desde o comezo cos profesionais, que participaron na elaboración do plan funcional e estiveron presentes en todo o proceso”. O Sergas incide tamén en que non hai redución de persoal nin un aumento de cargas de traballo. “Mais ben sucede o contrario”, aseguran.

Te puede interesar