O BNG critica o plan do Concello para rehabilitar o cárcere vello

Ourense. 10/06/2022. Antíguo cárcere de Ourense.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Ourense. 10/06/2022. Antíguo cárcere de Ourense. Foto: Xesús Fariñas
Seara alertou, ademais, que a redacción do proxecto estivo a cargo dun exasesor de Jácome mediante contrato menor

O Bloque Nacionalista Galego cuestiona os plans do goberno local para o cárcere vello da rúa Progreso, que o Concello pretende converter nun edificio de oficinas con espazo museístico. Dende o BNG lembran que, no pleno de setembro, o grupo municipal propuxo a creación dun “centro multifuncional” que foi cualificado polo concelleiro de Urbanismo como “proxecto Frankenstein”.

O portavoz do grupo municipal, Luís Seara, afeou que, despois de descualificar a proposta nacionalista, “agora sexa o goberno local quen aposte por esta fórmula, pois pretende compatibilizar o uso administrativo co museístico, algo certamente curioso, tendo en conta que foi este goberno quen pechou o Museo Municipal”.

Ademais de criticar os plans do Concello para a vella prisión, Seara tamén alertou de que “a memoria técnica do proxecto encárgaselle a un exasesor de Jácome”, tal e como dixo, “a través dun contrato menor, como non podía ser doutro xeito; é dicir, por algo máis de 18.000 euros, IVE incluído”. Por outra banda, censurou que se lle encomendase a unha consultora internacional -tamén por contrato menor, dixo- a solicitude das axudas do 2% Cultural para este proxecto ante o Goberno central, “tendo dentro do Concello persoal especializado”.

Te puede interesar