O BNG organiza o 1 de maio un acto cultural “de rebeldía”

Chama á cidadanía a participar no evento do paseo Barbaña contra o “desprezo” do goberno DO-PP

O BNG de Ourense organizará o vindeiro 1 de maio un evento cultural para suplir os ataques a este sector desde o goberno local e como un “acto de rebeldía” da cidadanía ourensá ante a “desfeita” actual para recuperar a “autoestima”. Os nacionalistas presentaron onte esta actividade, que se celebrará na explanada traseira do rianxo da Praza de Abastos número 1, no paseo do Barbaña. “A cultura é vida e a vida non se entende sen a cultura”, defendeu a concelleira Rhut Reza, quen acusou ao actual goberno de PP e DO de “machacar e atacar” o movemento cultural ourensán, lembrando que ata mudaron o nome da Concellería de Cultura, substituíndoo por “artes e festexos” para eliminar o propio termo. A concelleira  repasou todos os eventos e certames culturais propios que ao longo do presente mandato foron eliminados ou cuxo apoio asumiron outras institucións como o Outono fotográfico, a MITEU, o FITO, o Pórtico do Paraíso, ou o Corpo á Terra, xunto ao peche do Museo Municipal, a pretensión de cambio de usos da Sala Valente, ou o intento de privatización do Auditorio. 

“Son soamente algúns exemplos do desprezo do actual goberno á cultura ourensá”, apuntou Reza, quen subliñou que no BNG “concibimos a cultura e a política cultural non só como un labor de difusión senón como un conxunto no que ten que ter cabida o apoio á creación, á participación, á investigación e ao asociacionismo cultural en relación ao que somos como nación e como pobo”.

OS ACTOS

O voceiro do BNG, Luis Seara, chamou a toda a veciñanza a participar nos actos do 1 de maio no Barbaña, nos que haberá un xantar popular de convivencia e confraternización, para dar paso a unha tarde de actuacións musicais con grupos como As da Chispa, Maskarpone ou Malheira, estes últimos encargados de pechar o acto.  Ademais, haberá lectura de poesía e representacións teatrais. Seara salientou que o BNG “non se resigna”  diante da actual situación de desmantelamento cultural, polo que aposta por “realizar este acto de rebeldía que vai máis alá da reivindicación da cultura propia, que vai na liña da recuperación da autoestima colectiva e dos nosos sinais de identidade”. O voceiro nacionalista presumiu dun “vizoso” tecido cultural ourensán que queren “pór en valor” a través dun acto “lúdico, festivo e reivindicativo”.

Por último, Diego Vázquez “Cigala”, integrante do grupo Malheira, chamou a participar no acto para “reivindicar á cultura e para denunciar a ignorancia e o maltrato que estamos a recibir por parte do Concello ao longo de todo este tempo”. O músico sinalou que con este acto pretenden “que se escoite a nosa voz e denunciar que levamos anos sen ningún tipo de apoio”. 

Te puede interesar