POLÍTICA

O BNG reivindica en Ourense o seu papel en Madrid como clave para Galicia

mtp9313_resultado
photo_camera En primeiro termo, Noa Presas, Néstor Rego e Luis Seara, onte no Valcárcel (MARTIÑO PINAL).
O deputado Néstor Rego avanzou melloras en infraestruturas, retornados, dependencia ou tarifa eléctrica

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chegou este xoves ao Marcos Valcárcel para reivindicar os acordos acadados para Galicia e en concreto para Ourense en Madrid, tras apoiar a investidura do socialista Pedro Sánchez. "Estamos medrando e o BNG será forza decisiva, non só no Congreso, senón no país". Tildou o acordo de "magnífico" e reivindicou a presidencia da Xunta para Ana Pontón: "O obxectivo primario é sacar a Feijóo e mudar de políticas".

Entre os acordos, Rego subliñou os "descontos das peaxes abusivas da AP-9 durante 40 anos". En infraestruturas, anotou medidas como a "necesidade de modernizar a rede ferroviaria interior, nus casos en estado pésimo". Citou a electrificación da conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense. "Incorporamos tamén o estudo dunha tarifa eléctrica galega". En educación, avogou por "quitar a relixión do ensino público".

No ámbito social sobresae Ourense. Rego subliñou a necesidade de acabar coa "estafa" da Facenda española aos emigrantes retornados, que ten especial impacto en Ourense. "Levan moitos anos loitando", dixo. Precisamente na quenda de preguntas, os representantes da plataforma de retornados ourensáns reivindicaron os seus dereitos e a derrogación da lei que merma as súas pensións.  "Imos levar unha proposta ao Congreso para que isto se solucione", comprometeuse Rego. Cuestión importante para Ourense en materia social, o "financiamento do Estado do 50% da lei da dependencia que conseguimos no acordo, que neste momento non chega nin ao 25%". 

"O Estado vai estar disposto a convocar de maneira inmediata a comisión de transferencias e transferir todas as disposicións a Galicia previstas no Estatuto", adiantou, poñendo o exemplo da transferencia de Tráfico (seguranza viaria ou policía galega). Un asistente interesouse pola idea de que as radios e televisións portuguesas emitan en aberto en Galicia. "Non hai prazos pero imos estar atentos a que se cumpra", dixo Rego.


“Ábrense oportunidades para Ourense"


Luis Seara, portavoz municipal do BNG, foi o encargado de abrir a xornada, tildando o acordo no Congreso como "unha enorme inxección de autoestima". "Mudou a actitude vital de moita xente que sentiu que o seu voto ao BNG valeu para algo", anotou. "Se o BNG está, Galicia está. Agora engadimos á ecuación que Ourense está". Seara subliñou tamén a "utilidade" do BNG e o servizo "ao pobo".

A deputada  nacionalista no Parlamento de Galicia, a ourensá Noa Presas, asegurou que o papel de Rego no Congreso supuxo, polo momento, que "xa se falaron de cousas importantes para Ourense". Citou a loita conseguida do paridoiro de Verín: "É o exemplo de que somos un pobo digno que se rebela cando fai falta, e no Congreso o BNG non calará. Ábrense oportunidades para Ourense e as comarcas e será clave o papel de Néstor".

Te puede interesar