Un bo refresco nun difícil verán para os nosos maiores
A residencia de Santa Marta, pertencente á Fundación San Rosendo, ofrece aos usuarios un menú de verán enfocado a mantelos ben hidratados para afrontar con forzas a vaga de calor.
As enormes potas da cociña do recinto emiten os vapores da comida que se servirá ás 13,30 horas a máis dun cento de comensais. Hai bandexas de comida postas a temperar para servilas mornas noutro día no que os mercurios se situarán por riba dos corenta graos. A mascarilla, obrigatoria e indispensable para asegurar a saúde dos hóspedes, non axuda moito a aguantar unha sensación abafante que parece pegarse á pel coma unha fina capa de chumbo.
O caldelo e a exposición ao sol son problemas moi a ter en conta no coidado dos residentes de Santa Marta en Santa Cruz de Arrabaldo. Os máis maiores, cos seus achaques e os seus padecementos particulares, son vulnerables a golpes de calor e aos efectos nocivos da deshidratación, cun risco maior nestes tempos de clima extremo.
Para previr e paliar danos e desgustos que van da man desta tempada estival excepcional, os menús da residencia están adaptados para reflectir as necesidades nutricionais que trae o verán. Para Mariluz Sobrino, cociñeira, traballar entre lumes e fornos é “agobiante”, pero “asegura que non temos moito tempo para pensar na calor”, xa que cómpre servir a tempo aos residentes.
Hidratación, palabra clave
A palabra clave do repertorio para o verán é “hidratación”: “Auga, zumes, xelatinas e moito xugo de sandía, que lles encanta”, enumera Sobrino. Para durmir mellor, as ceas tamén teñen algunhas alteracións estacionais: “Son un pouco máis lixeiras, máis ou menos como ao mediodía, pero á noite as comdas adoitan ser a base de peixe”.
No que respecta á conservación, polo de agora a calor non estropeou os produtos almacenados, pero, en vista das circunstancias candentes, Sobrino cruza os dedos para que no haxa incidencias nestes días. Con todo, o bochorno si afecta con máis saña nos residentes que precisan dunha maior asistencia. Para evitar males maiores neste grupo, o menú oferta variantes adaptadas a diferentes dietas para que os seus corpos sexan capaces de facer fronte á vaga de calor. Velaí os pratos con e sen sal e a atención a diabéticos e hipocalóricos.
A chef sinala que para os máis maiores as horas da comida son sagradas e non son moi esixentes cando toca encher o bandullo, iso si, prefiren comer alimentos de “culler” a outros máis sólidos como ensaladas.
Á hora do postre colle protagonismo o doce frío, que entra mellor para baixar a gradación da sensación térmica: “Quizais sexa o máis variado, en forma de froita, xeados e tortas frescas”.
Lonxe dos fogóns e os fornos, no xardín exterior da residencia, os anciáns descansan e pasean baixo a sombra das árbores, conversando entre eles e escoitando un fío musical nostálxico doutros tempos.
Neste ambiente sereno, o médico de Santa Marta, Roberto Fernández, explica o problema que vén unido á idade: “As persoas maiores teñen o reflexo da sede diminuído e, no verán, o apetito é menor”. Por isto é importante controlar os aportes calóricos e proteicos para que non se produzan desaxustes que menoscaben a saúde dos residentes.
Con todo, nestes menús tan calculados, os alimentos vetados son algo raro e excepcional: “Estamos aplicando un programa de redución das dietas restritivas, porque, se limitamos moito a dieta dunha persoa maior, podemos paliar un padecemento concreto, pero en detrimento da súa situación de nutrición”.
Con isto en mente, o personal dá máis atención aos pacientes con padecementos que poden complicarse coa canícula: “Aqueles con demencias avanzadas, outros con enfermidades patolóxicas e outros nos que a deshidratación pode ser grave, como son os que sofren de insuficiencia renal”.
Unha particularidade destas datas, apunta, é unha “mesa” ambulante con refrixerios líquidos: “Unha persoa leva varias xerras de auga e zume, pero estamos tratando de introducir outras cousas, incluso granizados”. O encargado deste posto móbil circula polas salas ofrecendo e insistindo aos residentes para que non esquezan nin pasen por alto beber cada pouco tempo.
Ademais desta medida, hai outra aínda máis rigorosa: “Vixiamos os graos de hidratación e de nutrición proteica nas analíticas que pedimos periodicamente”.
Polos corredores, asistentes e coidadores miran por cada un dos inquilinos, dándolles o refresco adicional do ánimo e dos sorrisos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UN BOLSO TAMBIÉN DE LA FIRMA
El vestido de la reina Letizia en su visita a Adolfo Domínguez en San Cibrao: de algodón y rebajado a menos de 100€
Lo último
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, domingo 26 de julio
NUEVO FICHAJE
Facu Ballardo se sube al barco del Ourense CF
JORNADA RECORTADA POR LOS INCENDIOS
Pogacar gana el Tour de Francia y ya tiene su manita