Bota a andar ReAcciona, un plan para modernizar as pemes da provincia de Ourense

Presentación do obradoiro ReAcciona. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera Presentación do obradoiro ReAcciona. (Foto: Miguel Ángel)
ReAcciona, un plan para modernizar as pemes da provincia de Ourense, arranca mostrando tres exemplos de éxito

O programa ReAcciona xa botou a andar co obxectivo de facilitar servizos de alto valor engadido ás pequenas e medianas empresas (pemes). Aberto dende este luns, onte tivo lugar a súa presentación na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) coa participación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o organismo da Xunta que promove o plan.

A sede da CEO acolleu un obradoiro que foi inaugurado pola súa presidenta, Marisol Nóvoa, e a directora do Igape, Covadonga Toca. A dirixente do instituto remarcou que Ourense “ten que se diferenciar pola calidade dos seus produtos”, do mesmo xeito que o resto da comunidade. Para iso, defendeu a necesidade de “máis innovación, máis formación e máis internacionalización”. O plan ReAcciona, engadiu, ten a potencialidade para que as pemes ourensás “reinventen os seus negocios e fagan fronte aos novos retos do mercado”. O programa conta cunha inversión que supera os 3,2 millóns de euros, cantidade que suporá, en última instancia, unha mobilización de máis de 4 millóns.

As iniciativas para as que se destinan estes 3,2 millóns están relacionadas coa promoción de servizos de desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financieira ou a optimización dos procesos de produción. Tamén se levarán a cabo actividades para contribuír ao deseño de produtos e servizos innovadores. Na convocatoria deste ano existen novidades como o apoio a empresas emerxentes, a análise do cumprimento normativo, a captación de talento ou a promoción de melloras no eido da responsabilidade social.

Segundo Toca, o ReAcciona permitiu poñer en marcha máis de 2.700 servizos que incrementaron a competitividade de arredor de 2.000 empresas galegas dende 2012, ano no que se puxo en marcha. Mobilizáronse 13,7 millóns de euros.

Nóvoa destacou que as oficinas de Conecta Ourense rexistraron no 2023 “case 200 empresas contactadas”. Delas, detectouse potencial innovador en 124, mentres que se acompañou a 86 para tramitaren diversos tipos de axudas. Sumando outras entidades, dixo, “foron 102 empresas acompañadas con éxito no proceso de tramitación”.

As pemes que queiran optar aos servizos que oferta o programa ReAcciona deben ter, cando menos, tres traballadores. As actuacións lévanse a cabo mediante un axente que se pón a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, entre tres e seis meses. Este acompañamento e a formación son a clave na busca da profesionalización.

Ao longo da mañá, tiveron lugar dúas presentacións co obxectivo de informar aos asistentes sobre os detalles do ReAcciona. Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape, dirixiu unha sobre sobre os servizos de profesionalización e desenvolvemento estratéxico. Patricia Fernández Liz, directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (Gain), sobre os servizos de innovación.

Na xornada de traballo, tres pemes ourensás relataron as súas experiencias co plan ReAcciona. O xerente de Keybiological, Juan Fernández; a responsable de produción e calidade de Frigoríficos Arcos, Olalla Feijóo, e a responsable de mercadotecnia de Hermanos Paniagua, Elena Carceler, participaron nunha mesa redonda na que expuxeron o lanzamento de produtos innovadores, a mellora dos servizos de loxística ou a optimización da produción, entre outros.

Te puede interesar