ENTREVISTA

Jorge Vila, brindis navideños con los mejores vinos

Portada vida a Jorge Vila
23-12-16
photo_camera Jorge Vila brindando por la Navidad.

Algunha vez Jorge Vila foi enxeñeiro de telecomunicacións pero, cousas da vida, o interese polo mundo do viño o levou a irse formando neste eido.

No ano 2010, créase o Instituto Galego do Viño, Ingavi, entidade da que Jorge Vila é xerente e mestre e que nace para facilitar a formación na cultura do viño aos profesionais de adegas, hostelería, distribución e turismo de Galicia e para dar a coñecer os viños galegos no exterior. E, xa que estamos en tempo de Nadal, nada mellor que aproveitar os coñecementos de Jorge Vila e deixarse aconsellar para harmonizar as comidas e ceas: aperitivo cun espumoso e brinde con viño doce, galegos, por suposto. 

A cultura do viño pasou de ser a súa afición a un modo de vida, como se introduxo neste mundo?

De mozo era fan de Siniestro Total. Eles teñen unha canción moi famosa que di "Qué quieres ser de mayor? Padre, yo quiero ser catador". Iso creo que me marcou, era unha boa pista de que quizá esa non era unha mala profesión (risas). Agora en serio, na miña casa fíxose viño toda a vida e supoño que de eí parte todo. Aínda teño na memoria imaxes de neno facendo a vendimia co meu avó Antonio nas viñas de Taboadela. Un día, hai dez anos, apunteime a un curso de viños como os que agora imparto eu e o mestre era Xoán Cannas. Dous anos despois empezamos a traballar xuntos no viño. Deixar a enxeñería e a banca non foi unha decisión doada pero dise que das decisións que se toman co corazón nunca te arrepintes, non? Dame a impresión de que esta será o caso.

Algún consello para que a xente perda ese medo inicial e que relacionan o mundo do viño como algo “elitista"?

É curioso porque poucas cousas son tan próximas a nós coma o viño, está presente na nosa cultura desde que nacemos, forma parte da nosa forma de comer, de festexar, das nosas paisaxes... O viño en si nunca foi elitista, ao contrario, sempre estivo moi preto; elitista foi quizá o xeito en que durante algún tempo os profesionais comunicamos o viño, intentando facelo algo complexo, pode que para darnos importancia. Por sorte, isto está trocando e cada vez é máis habitual iniciarse no viño de forma lúdica e desenfadada, pensando só en gozalo e escollendo viños sen artificios, frescos, con menos alcohol, menos madeira. Creo que esta é a mellor forma de perderlle o medo.

Que recomenda a alguén que comeza a descubrir este mundo?

Que goce da viaxe. De ir descubrindo pouco a pouco diferentes paisaxes, variedades, climas, productores. Non hai meta que alcanzar, o importante é deixarse guiar pola curiosidade. Se sempre bebemos o mesmo non haberá sorpresas pero se asumimos riscos o camiño será moito máis divertido.

Que cambios percibiu nos últimos anos no sector?

O viño galego está nun grande momento. O gusto dos consumidores mundialmente está mudando cara viños do perfil atlántico que temos en Galicia e isto fai que se fale de nós a nivel internacional e que os nosos viños estean nas cartas dos mellores restaurantes do mundo. Nos últimos 20 anos temos conseguido incrementar de xeito moi importante a calidade dos nosos viños. Quédanos agora dar o salto á excelencia. 

As nosas Denominacións de Orixe, como as ve?

As Denominacións teñen feito un traballo de moito valor, conseguindo garantir a calidade dos viños que se producían en Galicia e difundir entre os productores novas técnicas de cultivo, tecnoloxía de vinificación, traballo con variedades de uva autóctonas...  Ocorre que agora o consumidor ten acceso inmediato a fontes de información nas que pode consultar todos os datos dun viño, críticas e valoracións doutros consumidores. Dalgunha maneira, pasa a ser o propio mercado o que garante e valora a calidade dos productos.
O traballo en equipo das Denominacións de Orixe promocionando Galicia e os seus viños en conxunto podería resultar moi interesante para mellorar a proxección dos nosos viños internacionalmente. Na miña opinión, a marca Galicia ten moita máis potencia para competir nos mercados exteriores e aquí non vale outra cousa que aunar esforzos para destacar.

Sendo cuna do bo viño, cree que falta formación e unha cultura "base" neste mundo?

Sen dúbida. Ata hai moi pouco os profesionais do viño que desexabamos ter unha formación especializada viámonos obrigados a emigrar para atopala. Isto facía que tivesemos unha falla importante de coñecemento. O Ingavi ofrece dende hai catro anos un máster para sumilleres profesionais en Santiago, cursos sobre cultura do viño en todas as cidades de Galicia e sobre viños galegos en Nova York, Bogotá ou Porto e notamos claramente como a formación danos unha visión máis ampla, esperta a nosa curiosidade e fainos buscar maior calidade nos viños.  

Que papel cree que xoga o Enoturismo?

O viño é probablemente a maior oportunidade que temos de desenrolo do rural e de fixación de poboación no campo, especialmente nunha provincia coa riqueza vitivinícola de Ourense. O turismo do viño combinado co termalismo podería converternos nun referente mundial no mercado do turismo de alta calidade. Para isto, unha vez máis, a clave está na formación, en estar preparados para o que demanda un turista que desexa saber de viño ou en coñecer como noutras zonas do mundo conseguen atraer anualmente millóns de enoturistas.

Para estas datas, especialmente, algún consello á hora de elexir un viño?

Por cambiar un pouco o costume, proporía abrir o espumoso no aperitivo e brindar aos postres cun viño doce. E se son galegos... mellor que mellor!

Te puede interesar