EN MAREA

Bruzos: "Temos que cambiar radicalmente as políticas para que cese a sangría demográfica"

unnamed_result
photo_camera Juan Villarino, Pilar Barros, Sofía Díaz e David Bruzos, durante o acto en Allariz.

O diputado de En Marea defendeu en Allariz o traballo realizado: "Puxemos todo o noso esforzo para que houbera solucións inmediatas. Pero houbo quen preferiu pactar políticas continuístas co desastre que nos trouxo ate aquí"

En Marea visitou este xoves Allariz, da man dos seus candidatos, nun acto de campaña celebrado ás 19.30h na Casa da Cultura, e que tivo como punto de partida a defensa do traballo feito nos últimos meses. "Dende o 20D puxemos todo o noso esforzo para que houbera solución inmediata a esta dramática situación. Pero houbo quen preferiu pactar políticas continuístas co desastre que nos trouxo ate aquí. Nós non temos medo a votar, gústanos a democracia e gústanos que a xente se exprese. Pero preocúpanos 6 meses perdidos en dar solución a quen máis o precisa". Deste xeito comezaba a súa intervención o número 1 da lista, e deputado na anterior lexislatura, David Bruzos.

"É certo que non estamos de acordo co que hai e que queremos derogar un montón de políticas feitas ata o de agora; pero é que esas políticas que se levan facendo 40 anos son as fixeron que Ourense perdese 120.000 habitantes dende 1981. Temos que facer que cambien radicalmente estas políticas para que cese esta sangría da nosa xente", continuou Bruzos.

"Esta mañá estivemos nun parque de bombeiros; novo. Este parque de bombeiros, que leva pechado 3 anos, que vai ser de xestión indirecta -ou máis ben, privada-, é a mostra de que os do Partido Popular están lonxe de ser bos xestores, e están máis preto de ser uns coruptos que utilizan os nosos cartos para enriquecerse".

A segunda da lista, Sofía Díaz, tamén fixo referencia á perda de cartos debida á xestión privada dos servizos. "Temos que recuperar o perdido pola privatización dos nosos servizos públicos; e non só falamos de como baleiraron os nosos petos, non, senón tamén de cómo fixeron reducir a calidade e a cobertura dos nosos servizos máis básicos e esenciais".

Pilar Barros, candidata ao Senado pola agrupación, resaltaba de novo que "como dixen onte, no Barco, porque a xente non o sabe, a nosa caixa das pensións está en mínimos. O goberno de Rajoy utilizou ese diñeiro para poder rebaixar a débeda, pero endebedando o noso futuro".  Para Juan Villarino, tamén candidato ao Senado, "este é o momento de conquistar o noso futuro, para poder non só paralizar as políticas que van rematar de destruír a nosa terra, coma o TTIP, que fará desaparecer as nosas tan importantes denominacións de orixe. É o momento de levar a cabo políticas que fagan que cada un e cada unha de nós teña dereito a unha vida digna; e iso só o conseguiremos votando o 26 de xuño por En Marea".

Te puede interesar