Arte et Alia

Búcaros en exposición en Xunqueira de Espadanedo

Os búcaros no sobreclaustro.
photo_camera Os búcaros no sobreclaustro.

Xaime Piñeiro, un dos nosos grandes mestres da cerámica artística de Galicia, ben de inaugurar no espazo de exposicións municipais desta pequena vila dos arredores de Ourense. Achámonos na capital da olería tradicional provincial, radicada preto dela, en Niñodaguia. Por elo as mostras no tempo de Ruth Lodeiro con Ehlaba Carballo de Dios, artista esta desta terra, e as recentes pezas escultóricas de barro de Acisclo Manzano. Eis, xaora con Piñeiro, unha traxectoria temática  neste concello, co material cerámico como elemento expresivo, un camiño dende o mundo da arte máis achegada a nós, a terra. O creativo artista alaricano leva as súas máis recentes creacións, dispostas cun atinado ritmo por Jorge Varela, que fai de comisario. Amigo seu, este artista e docente na UVigo foi quen de facer que falen as pezas de Piñeiro nos dous corredores do antigo sobreclaustro monástico cisterciense, que fan de sala expositiva. 

Xaime (Allariz, 1964) está nun momento doce da súa madurez artística, logo de resolver a fronteira entre artesán e escultor, dende a esencia que emana do seu corazón de artista que expresa unha poética da sutileza. O simple é a divisa, máis non ao xeito de Van der Rohe, o gran arquitecto, senón o da brisa que move a fina herba, o da textura do liño antigo no tear, e o dos liques nas paredes occidentais que bañan as luces antes do solpor, máis tamén o das follas das vides nos outonos das bocarribeiras do noso Ourense. Alquimista das epidermes, atopa nas formas curvilíneas dos recipientes, algunhas como niños de oropéndolas, aínda que estou certo que estas pezas teñen moito das gotas de auga, sendo os asimétricos bicos filigranas... Varela asimila as brancas aos icebergs en acaída imaxe. Outras senlleiras pezas son as que amosan buracos na superficie, feito casual dende unha praxe de traballo pois de tanto raspar, para que a chamota apareza, racha. Son de grande calidade e paredes moi finas, das chamadas de cáscara de ovo, como a das olas minoicas de Kamáres, ou tamén as de Tioria, máis preto de nós, tanto no espazo como no tempo. Son como estrelas dunha constelación por descubrir no ceo escuro e fresco da interior delas, formas non antropomórficas contextualizadas no mundo sensible. Así os barcos cun ar a drakkars viquingos, ou mellor aínda, karves, para facermos unha travesía a cegas, obra coa que concursou en Cee (A Coruña); ou  Hiroshima Micus, instalación micolóxica en lembranza da primeira bomba atómica lanzada polos EE.UU. nesa cidade de Xapón o luns 6 de agosto de 1945, na IIª Guerra Mundial. Unha chiscadela do artista coa polisemia do termo fungo. Como ten escrito, as súas obras móvense dende os impulsos, e velaí os seus sobranceiros búcaros voantes. Ás veces utiliza gres, e vidrados en verde semellantes ás manchas de liques, ou as salpicaduras dos esmaltados orientais.

Este sobranceiro ceramista artístico, que deixa a súa pegada nas louzas para o chef Pepe Solla, e nos seus alumnos da Escuela de Artes y Oficios da Deputación, e quen de traballar a técnica decorativa xaponesa do rakú, unha grande evolución dende que se achegara moi novo ao taller de Luís Pachón, ceramista e pintor, e así comezou nos anos oitenta. Eis o que ten cambiar o eixo de simetría, toda unha promenade no tempo.

Familia e pezas en harmonía na inauguración.
Familia e pezas en harmonía na inauguración.

Te puede interesar