A Feira do Libro de Ourense atrae a tódolos públicos, pero cada un fixa a atención nun volume

Cada persoa ten unha literatura pensada para ela

O sábado xa non é día de traballo para a maioría e foi por iso que as casetas dispostas nos Xardíns do Bispo Cesáreo co gallo da Feira do Libro recibiron maior número de visitantes ca en días anteriores.
Homes, mulleres, mozos e vellos que pasaban por diante detiñan os seus pasos para botarlle unha ollada á oferta editorial. Non todos ían vestidos iguais, seguramente non escoiten a mesma música e, por suposto, tampouco len os mesmos libros. Como en cada edición, os libros que máis se abren, que máis se revisan e tamén que máis se mercan son os infantís. Conscientes de que os nenos tiran dos adultos, moitos dos libreiros colocaron uns banquiños para que os propios pequenos poidan decidir por cal dos títulos se senten máis atraídos. Pero tamén entre eles hai diferencia. As nenas queren ser princesas e os nenos, piratas e guerreiros. Así o reflicten tamén á hora de escoller literatura. Non obstante, ó fuxir das edicións máis comerciais, as editoriais pensan de xeito neutro e evitan introducir elementos de xénero.

Entre os adultos, as diverxencias non son menores. As novelas, especialmente as consideradas 'best seller' son para as damas. A maioría dos libreiros coinciden en que homes e mulleres teñen diferentes preferencias. É por iso que títulos como 'El tiempo entre costuras', de María Dueñas, triunfan entre elas. Para eles están reservados os ensaios e os cómics, dos que son maiores coleccionistas. Hai excepcións, obviamente, pero dende as librerías presentes na feira de Ourense sinalan ás mulleres como lectoras máis fieis e compradoras.

Superadas as disparidades, hai xéneros co mesmo volume de vendas entre ámbolos dous sexos. As edicións dedicadas á arte son igual de populares, aínda que dende a librería Platero cren a fotografía teñen maior éxito entre os homes. Contra o que poida parecer, a autoaxuda ou incluso a famosa Dieta Dunkan triunfan por igual entre todos.

Te puede interesar