EDUCACIÓN

Camila Loureiro elexida Docente Exemplar Ourensá

O seu exercicio docente, sempre vencellado ás matemáticas, desenvolveuse na cidade Ourense, onde se contan por milleiros os seus alumnos

Como en anos anteriores e coincidindo coas vésperas do Día das Letras Galegas tivo lugar a elección e presentación de dona Camila Loureiro Blanco, catedrática de Bacharelato, como Docente Exemplar Ourensá 2014.  O acto, celebrado na sede provincial do sindicato docente ANPE, contou coa presenza da homenaxeada que foi presentada, en nome do xurado, polo exconselleiro de Cultura e Inspector de Educación Daniel Barata Quintas. Á mesma asistiron os membros do xurado, composto por unha vintena de directores dos principais colexios e Institutos da cidade e da provincia, así como o director da UNED e docentes exemplares de anos anteriores.

Daniel Barata fixo un percorrido pola extensa vida profesional, de 1951 a 1993 da homenaxeada. Camila Loureiro ademais de mestra nacional gañou por oposición celebrada en Madrid a condición de profesora de Bacharelato. Posteriormente alcanzaría a cátedra na súa especialidade de Matemáticas.

O seu exercicio docente, sempre vencellado ás  matemáticas, desenvolveuse no centro da provincia de Ourense onde se contan por milleiros os seus alumnos. Da súa categoría profesional poden dar conta os seus alumnos das Xosefinas, Concepción Arenal, Malvedo, Salesianos, Escola Univeristaria de Maxisterio e mailo  instituto Blanco Amor onde desempeñou o cargo de Xefa de Estudos e tivo lugar a súa xubilación.

Camila foi ademais precursora na ensinanza e divulgación das matemáticas modernas impartindo cursos de especialización aos mestres da provincia.

O recoñecemento terá lugar nun acto solemne ao comezo do vindeiro curso, celebrando o Día do Docente, e no transcurso da Homenaxe a tódolos profesores xubilados este curso na nosa provincia.

Todas estas actividades están organizadas por ANPE Ourense en colaboración co Defensor do Profesor, a Asociación Psicopedagóxica Galega Alezeia e o Campus Auriensis.

Te puede interesar