ARTE ET ALIA

No Camiño de San Yago a Compostela

O campo da capela de San Roque, en Berán; e os dous primeiros peregrinos dende Santirso a Celanova.
photo_camera O campo da capela de San Roque, en Berán; e os dous primeiros peregrinos dende Santirso a Celanova.
Na miña casa en Cea xa falabamos dilo dende que a miña tía Amparito dera en facelo cunhas amigas súas en 1965.

Comezamos a camiñar co Ano Santo cara o Señor San Yago en Compostela para gañar o xubileo nos anos noventa, en que houbo dous. Na miña casa en Cea xa falabamos dilo dende que a miña tía Amparito dera en facelo cunhas amigas súas en 1965. Foron vieiros de fe, emoción e sentimento. Foron nesa data pola beira da estrada, durmindo nalgún palleiro ou pensión, como nós, que levamos saco para protexermos da friaxe do ‘pai cemento’. Os da Xeración Nós ourensá foron seguindo na súa peregrinaxe o mapa de mapas, o Fontán. Xa na nosa época da Democracia, con Fraga de Presidente e Vázquez Portomeñe como Conselleiro seu, foi deseñada para 1993 unha aposta de País, lanzando a rede do primeiro Xacobeo dende a Xunta de Galicia. E deron en delimitar dende a Administración uns ‘camiños canónicos’, máis alá do francés, e o primitivo coa súa variante do norte, o inglés; e polo sur o portugués e o do sueste, que atalla dende a vía de la Plata e recolle o meridional portugués. A eles engadiron o de Fisterra-Muxía e a do mar de Arousa e o río Ulla. Son estes últimos, coa súa idea de opera aperta, os que están a dar paso ás ampliacións daquela primeira xeira, engadindo o ‘de inverno’, inicio dos Camiños 2.0. Trátase dunha mellora da definición, caso de Santiago-Padrón, feito dende a relixiosidade e piedade dos peregrinos que desexaban pisar o camiño polo que pasaron os restos mortais do Apóstolo. No pasado ano acharon no río Sar o rastro do embarcadoiro onde foi amarrada a balsa que o trouxo, peirao que rexistra Ambrosio de Morales, cronista do Rei Felipe II Habsburgo. Velaquí o punto alfa do fenómeno universal europeo da peregrinaxe a Santiago do Reino de Galicia: o Portus Apostoli, na sede episcopal Iria Flavia, que logo do traslado a Compostela, foi o inicio do movemento xacobeo.


Dende Braga, por Ourense


Temos feito o Camiño de San Rosendo dende Santo Tirso, ao sur de Braga, antiga sede metropolitana portuguesa. Até Celanova cun grande amigo, seguimos fai uns anos as súas pegadas e dos antigos camiños, como a Vía Nova até Lobios, un camiñar consciente co movemento internacional de Rotary na cabeza e a emoción no corazón ao pisar por Bande as verdadeiras pegadas dos Mozárabes sobre as do reino Astur, Suevo e Roma. Moito do trazado até o río Limia coincide co Camiño Xacobeo-Miñoto, que está a piques do seu recoñecemento oficial, pois xa o ten do Arcebispado santiagués dende marzo último, para os peregrinos que seguen por Entrimo, Cortegada, Ribadavia, e por Berán e a Estrada: é o da ‘Geira’ romana e dos ‘Arrieiros’ do viño. A presenza da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro é clave por protexer a hospitalidade tradicional de man tendida e acollida altruísta que forma parte da alma do Camiño de Santiago e da peregrinación xacobea. Así o fomentamos dende a Fraternidad Internacional del Camino de Santiago/FICS, e antes da Asociación Galega de Amigos/AGACS, dende 1992. Felicitémonos por eles, e por nós. Mais non confundamos xacobeo con xubileo...

Te puede interesar