educación

O Campus reivindica o galego na docencia e na investigación

Un acto do Día das Letras Galegas na biblioteca do Campus.
photo_camera Un acto do Día das Letras Galegas na biblioteca do Campus.

A facultade de Educación eríxese como "peza clave" para fomentar a lingua oficial da Universidade

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acadou un acordo pioneiro e ilusionante para o panorama lingüístico: seis graos impartiran o 80% da docencia en galego o próximo curso, se a Secretaría Xeral de Universidades aproba a iniciativa. Educación Infantil e Educación Primaria, no Campus de Ourense, son dúas das titulacións escollidas. Non é casualidade. A mellor proba é o acordo que se tomou en apenas unhas semanas trala proposta da rectoría a tódolos centros da UVigo. A Facultade de Educación vese preparada para esta aposta, que supón unha declaración de intencións. "Os mestres son una peza clave para a normalización, son os que van guiar na aprendizaxe a nenas e nenos", di Mar García, decana de Educación. O último estudo sociolingüístico da Uvigo sinala que o galego é a lingua habitual de uso do 24,4% de alumnos. O 57% son castelánfalantes e o 18,7% usan ámbalas dúas.

A pesar de que o castelán é a lingua predominante entre os universitarios, Ourense é o Campus da Uvigo con máis galegofalantes. En Vigo o 67,1% utiliza o castelán, en Pontevedra o 64,2%. Seguen sendo cifras preocupantes para a lingua que perde falantes e que é a oficial da universidade, tal e como indican os estatutos.

A Área de Normalización Lingüística da UVigo ofrece asesoramento e unha ducia de cursos de formación gratuitos en galego durante o ano. Hai premios a TFG e teses de doutoramento redactadas en galego que ascenden aos 600 euros ademais doutras iniciativas como concursos de creatividade en galego. Con todo, a pesar do fomento do uso do galego, a investigación é unha tarefa pendente. Apenas hai investigacións en galego. Tampouco teses. Chega un repaso aos títulos das últimas teses lidas na UVigo dende 2018: das 20, só hai unha en galego.

"Moitos docentes empregamos o galego, pero hai poucos materiais en galego. Hai que traducir documentos, protocolos... Iso é tamén unha oportunidade para ter eses materiais en galego e publicar traballos de innovación. Fai falta normalización no ámbito da investigació, é unha chamada a que as publicacións teñan ese impacto, carecemos de revistas en galego", engade a decana de Educación.

Ana Iglesias, profesora de Educación, fixo un estudo nas aulas sobre o uso do galego: "A castelanización é moi alta, pero na facultade temos unha porcentaxe de galegofalantes que chega case á metade".

O estudo sociolingüístico da UVigo sinala que en Ourense hai unha porcentaxe importante de docentes que aprenderon a falar en galego (58,4 %) unicamente ou conxuntamente co castelán, mentres que en Vigo é do 35,1 % e en Pontevedra é do 45,7 %. 


O fomento da oralidade nas aulas e outros proxectos


A celebración do Día das Letras Galegas ou o Día de Rosalía do Castro son algunhas das iniciativas do Campus de Ourense que fomentan o uso do galego nos últimos tempos. A nivel interno, os alumnos contan con propostas como "3,4,5, 6 pasos para falar o galego de...", pezas audiovisuais ideadas polo alumnado de Educación coas profesoras Reyes Rodríguez e Ana Iglesias, nos que explican as características da fala de diferentes puntos de Galicia. "Invita ao optimismo, á esperanza. Temos un alumnado creativo e é bo síntoma. Nas aulas téntase potenciar a oralidade, que é o importante", anota a profesora Ana Iglesias. 

Te puede interesar