Cando o campus se mira cos ollos do alumnado

Os comités contra a Lei da Avogacía en maio deste ano (Foto: MARTIÑO PINAL)
Cando normalmente se fala do Campus nos medios de comunicación, os protagonistas adoitan ser os docentes. Eles son, sen dúbida parte dos grandes protagonistas da vida universitaria, pero a outra cara da moeda tamén frecuenta día tras día os corredores das facultades e ocupa as cadeiras da aulas.
Sen eles, claro, os profesores non terían a quen se dirixir nin a quen formar. De sempre, o estudantado quixo ter que dicir nas decisións políticas e sociais de cada época e boa mostra desta premisa foron os actos do parisino maio de 1968. Dende entón os tempos teñen cambiado sustancialmente. Os estudantes xa non protestan nin se mobilizan polas mesmas cousas, pero ségueno facendo polo que eles consideran que o teñen que facer. E ademais fano organizados.

No Campus de Ourense son dous os equivalentes a sindicatos dos alumnos con presencia. Os primeiros, que máis tempo levan son os Comités, que aglutinan ós 'Comités Abertos de Facultades' e 'Comités Abertos do Ensino'. O seu motor, o que os move a organizarse, é a promoción da cultura galega. Cunha decena de representantes nas distintas facultades do centro universitario ourensán, durante todo o ano promoven cursos de galego ou festivais, segundo relata Iván Lorenzo, un dos seus membros.

Máis alá da promoción cultural, os membros de Comités observan o devir do Campus e amósanse satisfeitos coa impronta que o galego vai deixando en cada centro e aula. 'Hai moito ambiente nacionalista no equipo directivo e, por iso, non temos percibido problemas'. Dende a outra beira do asociacionismo, os representantes da Liga Estudantil Galega, entenden que 'o Campus está esquecido dende Vigo' e proba disto son 'as poucas carreiras exclusivas que temos'. Quen fala é Pablo Sobrino, un dos tres membros universitarios (completan a Liga en Ourense 12 membros de ensino medio).

Esta segunda formación naceu das filas de Comités, por 'problemas políticos', segundo confesa Iván Lorenzo. A organización á que el pertence 'non nos identificamos con ningún partido'. Ó igual que os membros da Liga, son de ideario galeguista, aínda que 'sobre todo, preocupámonos de todo o que teña que ver coa cultura galega' pero 'non nos metemos en conflictos partidistas nin entramos en se somos socialistas, comunistas nin nada diso'. Pablo Sobrino e a súa asociación si que o teñen claro. Explica detalladamente a súa ideoloxía, que define como 'nacionalista e soberanista, independentista e da esquerda transformadora socialista'.

En algo si que coinciden ámbolos dous colectivos e é en mirar con preocupación as medidas que teñen sido implantadas nos últimos tempos no sistema educativo. A Liga Estudantil Galega, por exemplo, sumouse ás protestas convocadas polos sindicatos durante as primeiras semanas do curso con manifestacións polas rúas ourensás. As dúas organizacións están tamén para escoitar os problemas dos alumnos e tratar de escoitalos. Os membros da Liga sitúanse ademais nunha posición de certo privilexio ó contar con presencia no Consello de Facultades. Respecto á relación cos docentes, Pablo Sobrino asegura que 'están abertos a escoitar' e algúns mostran preocupación polos alumnos'. Pola contra, Iván Lorenzo, sostén que alumnado e profesorado son dous mundos 'algo independentes'.

Te puede interesar