ARTE ET ALIA

O canon de imaxes literarias de Miguel Robledo

<p></p>
photo_camera A exposición de Robledo leva por título "Clásicos Reseteados".

Os poderes de Miguel Anxo Fernández Robledo son ter publicado o álbum A escola de Vilaverzas, e ilustracións en revistas como Gilgamesh, libros interactivos, de texto e novelas, ou bandas deseñadas como Golfiño e Dos Veces Breve

Unha fiestra dobre ábrese cara o oeste da praza do Eirociño dos Cabaleiros dende Punto e Coma. Aquí, no espazo do fondo, está a exposición de Miguel Robledo, ‘Clásicos Reseteados’. Con entrada pola Rúa da Paz, o grande debuxante e artista presenta unha acaída e suxestiva exposición baseada en obras da literatura clásica, dende a Odisea, representada no episodio de Ulises na cova do Polifemo, a Hamlet coa caveira, e Romeo e Xulieta no canto de baixar as máscaras das súas facianas, e descubrirse, obra aquela de Homero e de Shakespeare estas dúas. Foi no primeiro momento unha serie de nove imaxes, encargo que medrou ata doce como os traballos de Hércules. A que abre o abano é Don Quixote lendo diante dos muíños de vento, capítulo oito do libro do inmorredoiro Miguel de Cervantes, no que se inspira Robledo para debuxalo sentado e en apócrifa pose. Tamén están Robin Hood na árbore, o Capitán Ahab e a balea branca, do Moby Dick de Hermann Melville, escena plena de acción e forza; Alicia no País das marabillas entre grandes árbores. E o Soldadiño de chumbo saudando á bailarina, ante o ollo de boi dunha claraboia, tan gráciles na súa pose malia estaren eivados... O Barón de Münchhausen, voa dacabalo dunha bala de canón, e o Nautilus, submarino do Capitán Nemo, marabillosa ficción, como todas estas historias..., mais, de cal?

Pois da obra ’20.000 leguas de viaxe submarina’, do maxín de Jules Verne. Os poderes de Miguel Anxo Fernández Robledo son ter publicado o álbum A escola de Vilaverzas, e ilustracións en revistas como Gilgamesh, libros interactivos, de texto e novelas, ou bandas deseñadas como Golfiño e Dos Veces Breve. É o autor das capas da Editorial ourensá Eurisaces, como La voz del Retorno, de Muñoz Quirós, ou os ‘Diarios’ de Ramón Loureiro, nas que deixa ver malia todo como se pode manter o propio vocabulario plástico. Así noutras imaxes destes Clásicos Reseteados, caso de Momo, de Michael Ende, novela contemporánea que ten engaiolado dende a súa publicación en 1973: coa tartaruga Casiopea comezando a falar dende a súa cuncha, para que o espazo dos Homes de Gris non medre máis... E tamén está o Mago de Oz, mais neste caso Robledo engádelle Pippi Längstrump e Totoro, un ‘mashup’, no seu argot, que se fai con anacos, que ben sendo un colaxe. Unha obra con tratamento de profundidade, dende a penumbra do primeiro plano, luz e degradación posterior, tan leonardesca... Aquela semella unha Familia Perpetua, obra que fixera para La Región con Héitor Real e Miguel Anxo Carvalho, Premio Ourense 1995 da Casa da Xuventude. A mostra procede da Galería Circular, Allariz, e chega a esta singular e nova libraría que naceu en novembro pasado. Unha fiestra ábrese neste estreito edificio da cidade antiga á praza do Eirociño, dende a que Miguel Robledo invita a cultivar a imaxinación cos libros: estes son sempre un soño que podemos ter nas nosas mans, que decía Neil Gaiman. Aprender a debuxar é aprender a mirar.

Te puede interesar