Ourense

Carballo Calero, o filólogo que “entregou a súa vida a Galicia"

Ourense

CULTURA

Carballo Calero, o filólogo que “entregou a súa vida a Galicia"

María Victoria Carballo Calero, catedrática emérita de Historia da Arte e filla do homenaxeado, no seu despacho do Campus.
photo_cameraMaría Victoria Carballo Calero, catedrática emérita de Historia da Arte e filla do homenaxeado, no seu despacho do Campus.

A filla do homenaxeado das Letras Galegas do 2020: "O éxito é dos que o apoiaron contra vento e marea"

A elección de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) como homenaxeado do Día das Letras Galegas de 2020 é unha reivindicación da filoloxía, da cultura dunha lingua. Quizais, tamén un chamamento á convivencia de ideas. O gran pensador do reintegracionismo é recoñecido pola Real Academia Galega cun total de 21 votos a favor, un voto en branco e outro en contra. Despois dunha decena de veces proposto, a conmemoración do autor coincide cos 30 anos da súa morte e os 110 do seu nacemento. María Victoria Carballo Calero, catedrática emérita de Historia da Arte no Campus de Ourense, móstrase cauta. "Aínda estamos no ano de Antonio Fraguas", recorda a filla. Como anécdota, o etnógrafo foi profesor seu durante uns meses.


Dez veces proposto


"Colleume de sorpresa o nomeamento, si, pero porque levaban dez anos falando diso. Ata o final non sabía que ía ser o elixido. O protagonismo déixollo á xente que estivo sempre detrás, que o apoiou contra vento e marea. O éxito é deles e da Academia", di María Victoria Carballo Calero.

A filla do homenaxeado das Letras Galegas do 2020 conta que asistiu á confección dunha das obras polas que é recoñecido Ricardo Carballo Calero. "Historia da Literatura Galega Contemporánea". Tamén sinala a "Gramática del gallego común". "Ten sete edicións, ata que o oficialismo rexeitou a corrente que el encabezou de reintegracionismo. El consagrou a súa vida a iso. Na casa, nós somos dúas irmáns e nunca nos metimos niso. El de feito dicíame: 'Ti eres historiadora da arte, non filóloga", explica a filla.


Un debate sen liortas


"Ás veces corrixíame os textos, el escribía nunha ortografía de mínimos, pero nunca me metín nesa política. Eso si, se el chegou a iso foi por unha serie de estudos, penso que había que debatilo", argumenta a historiadora.

Ricardo Carballo Calero foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago. "Alí, nas súas aulas e nos seus escritos, defendía a súa corrente. Todos os discípulos sabían do seu pensamento, uns escollen unha opción e outros outra. Chegou a pensar que o galego e o portugués viñan dun tronco común, defendeuno con estudos científicos, pero sen liortas", recalca. Neste senso, considera necesario un debate moderado, "de iguais a iguais". "Eu non podo opinar, hai unha facultade de filoloxía moi boa e son os que saben dos criterios científicos. O que podo dicir é o que dicía el: 'o galego ou é galego-portugués ou é galego-castelán'. Compre un debate científico e moderado. Os que seguiron no reintegracionismo sentíronse maltratados durante uns anos, iso ten que superarse", di.


Galicia, por riba de todo


Con dignidade enorme e liberdade. Así recorda ao pai e profesor María Victoria Carballo Calero. "Era unha persoa moi seria, que defendía todo o relacionado con Galicia por riba de todo, penso que aínda por riba da familia. E entregou a súa vida a iso".

A súa última novela, "Scórpio", é a de maior carga emocional para a súa filla. Quedou pendente unha segunda parte nunca chegou. 

Estudoso da lingua, tamén cultivou a poesía e o teatro
carballocaleroRicardo Carballo Calero é a grafía que escolle a RAG para o homenaxeado, aínda que sinalan que respetan a de "Ricardo Carvalho Calero", coa que o autor reintegracionista firmaba a súa obra. Licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, foi tamén membro numerario da Real Academia Galega, membro da Academia das Ciencias de Lisboa e membro de honor da Associaçom Galega da Língua. Esta última prepara un documental sobre a súa vida, unha reedición da súa última novela, "Scórpio" e unha banda deseñada sobre o homenaxeado. Aínda que destaca polos seus estudos da lingua, Carballo Calero cultivou tamén a poesía e o teatro.

Más en Ourense