O Carrabouxo substitúe aos expresidentes no Pazo Provincial

A mostra da Deputación “40 anos do Carrabouxo” repasa a súa historia en La Región. Ata xaneiro, o personaxe máis querido da provincia substitúe os retratos de expresidentes e escritores

O primeiro andar do Pazo Provincial da Deputación ten, dende onte, un novo inquilino. É alto e delgado, e viste unha gorra que leva encaixada ata os ollos. Encántanlle os bocadillos, que enche coa súa ollada sarcástica e cómica da actualidade. E aínda que no histórico edificio está prohibido fumar, da boca do Carrabouxo sempre pendura un cigarro, incluso cando dorme a sesta.

Agora está acomodado nunha exposición que festexa os seus 40 anos de vida, e que foi inaugurada polo seu creador, o debuxante Xosé Lois, acompañado polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o director de La Región, Xosé Pastoriza. Unha mostra na que se exhibe unha viñeta por ano do total de ilustracións publicadas, que a razón de unha por día suman unha cifra superior ás 14.000.

Un traballo longo e difícil. “Case me volvo tolo. Tiven que ir ó médico do estrés que me produciu isto”, chanceou Xosé Lois cando tomou o micrófono: “Non son os mellores, os mellores son os que quere a xente. Pero son significativos”. A exposición tamén recolle outras obras do debuxante.

“Eu penso que ben merece que o parabenicemos nos seus 40 anos”, dixo Xosé Lois antes de relatar a biografía do Carrabouxo. “Non é máis que un veciño de Ourense, que naceu na rúa Alejandro Outeiriño, que se criou e vive en La Región e que se fixo maior aquí, na Deputación, coa publicación dos libros de recompilacións”.

O Carrabouxo, como enumerou, vive nas oficinas, nas casas, “tamén nas pantallas dos PC e nos móbiles da xente”. E por descontado, no corazón da cidade, no parque de San Lázaro. Xosé Lois lembrou a Benito Losada, a quen lle adxudicou a idea da estatua cuxa autoría responde a César Lombera. Ademais de para La Región, a Deputación e os asistentes, dedicou palabras de agradecemento ós debuxantes que se animaron a felicitar ó debuxo máis ourensán polas súas catro décadas de vida.

A liberdade de expresión

Xosé Lois recibiu os parabéns do director de La Región, Xosé Pastoriza, quen tamén congratulou ó presidente da Deputación “por esta nova mostra da súa inquedanza por revalorizar todos os símbolos que fan de Ourense unha entidade propia”. “É un deses personaxes que tes nun xornal e que sabes que en calquera momento vaiche dar unha dor de cabeza. Pero como as alegrías son moito maiores, alégraste tódolos días de telo nas túas páxinas”, definiu Pastoriza.

O director do diario tamén resaltou o “mérito” de que O Carrabouxo ocupe o lugar no que deberían estar os retratos dos presidentes da Deputación, “e ten mérito que sexa un dos presidentes caricaturizados quen sexa cómplice desta iniciativa”. Ante todo, “é unha metáfora do que é a liberdade de expresión, do que é tamén e seguirá sendo a obriga de La Región co Carrabouxo”. E desexou “que O Carrabouxo siga dando que falar” cunha visión “sarcástica, crítica, que apetece ver tódalas mañás”.

“Aquí temos ó creador de algo que non pasou de moda, que é atemporal”, destacou o presidente da Deputación, Manuel Baltar. De entre os feitos que lembrou do ano 1982, como o Nobel de Literatura de Gabriel García Márquez ou o lanzamento do “Thriller” de Michael Jackson, subliñou que “o único vixente é O Carrabouxo”.

Porque Xosé Lois, dixo Baltar, foi quen de establecer “un símbolo de Ourense” e de facer “da retranca un arte”. “Quen ía sacar os cadros cos retratos dos expresidentes, ou os retratos dos galardoados coas Letras Galegas? Só alguén cunha forza popular tremenda”, aseverou dirixíndose ó debuxante, a quen deu grazas “non só por ter a idea, senón por mantela viva”.

Tras un xocoso “queda inaugurada esta exposición” de Xosé Lois,  as gargalladas da primeira visita comezaron a reflectirse nas históricas paredes do Pazo Provincial. Os asistentes recibiron exemplares dunha escolma de viñetas.

A exposición “40 anos do Carrabouxo” está aberta ao público ata finais do mes de xaneiro. Pódese visitar de nove da mañá a 14,30 horas, e de cinco da tarde a 19,30 horas, sempre de luns a venres.

La Región entregará ós seus lectores, con motivo do aniversario do Carrabouxo, dez láminas con algunhas das súas viñetas máis memorables. Ofreceranse tamén camisetas deseñadas por Xosé Lois, unha iniciativa que se detallará neste xornal proximamente.

Te puede interesar