Celsa Perdiz: "Os abortos de máis de 14 semanas por causa psiquiátrica envíanse a Madrid"

Celsa Perdiz
photo_camera Celsa Perdiz
Celsa Perdiz é a xefa do servizo de Traballo Social da área sanitaria, e fala sobre o aborto

O 95% das peticións de  aborto na provincia chegan ós  centros de orientación familiar e Celsa Perdiz, como xefa do servizo de Traballo  Social da área sanitaria, ten a perspectiva máis ampla. Asegura que é unha situación de saúde sexual que se lle pode presentar a calquera muller e que a obxección de conciencia obriga a derivar a Madrid os abortos de máis de 14 semanas con indicación psicolóxica ou psiquiátrica.

Onde se dirixen as mulleres que desexan abortar?

O acceso á interrupción voluntaria do embarazo (IVE) é directo. A muller pode ir directamente ó centro de orientación familiar (COF) sen ser derivada por ninguén. Hai centros en Ourense, Carballiño e Ribadavia, e unidades básicas no Barco de Valdeorras e Verín. Tamén pode dirixirse a calquera profesional sanitario se non ten información e quere recibila sobre como é o proceso: ós traballadores sociais do seu centro de saúde, a enfermería, matronas ou médicos. E dende alí a derivarían ó COF.

E unha vez que chega ó Centro de Orientación Familiar?

Hai dúas consultas básicas. Na primeira, a muller recibe información e asesoramento sobre o proceso e as súas dúbidas, faise o rexistro anónimo da súa solicitude e dátase o tempo do embarazo. Así xa podemos saber se é un aborto voluntario, no que non hai que facer ningún tipo de alegación porque está dentro das 14 semanas. Se está de entre 14 e 22 semanas tería que haber unha indicación médica e se é de máis de 22 semanas, tería que haber unha malformación no feto ou enfermidade incompatible coa vida, e o aborto tería que ser aprobado por un comité clínico.

E a segunda consulta?

A lei vai a cambiar, pero de momento di que a muller necesita un mínimo de tres días de reflexión. Despois hai que facer unha segunda consulta, onde a muller ratifica a súa decisión e se resolven as súas dúbidas.

Como é o proceso?

Se está de 9 semanas ou menos, faise o aborto farmacolóxico en Ourense. Ven á farmacia do hospital para recibir a medicación que necesita. Se está de máis de 9 e ata 14 semanas, o procedemento é a aspiración nun quirófano. En Ourense non se fan estes abortos libres de 9 a 14 semanas.

Onde se fan?

Van a clínicas privadas acreditadas en Galicia. Son as clínicas Castrelos, de Vigo, e Arce, na Coruña. Son privadas, pero as paga a Seguridade Social. A muller tamén pode solicitar o reintegro dos gastos de transporte porque é unha derivación a unha clínica, pero non soen pedilo. Os abortos de 14 a 22 semanas, nos que ten que haber una malformación fetal ou enfermidade grave da xestante, fanse case todos no CHUO. Para elo precísanse equipos completos de quirófano e non sempre é posible debido á obxección de conciencia para os abortos de máis de 14 semanas con indicación psicolóxica ou psiquiátrica. Neses casos envíanse a clínicas acreditadas en Madrid porque en Galicia non hai clínicas acreditadas por encima das 14 semanas. Son poucos casos, uns cinco ó ano, e soen solicitar o transporte para a muller e o acompañante. Por enriba das 22 semanas con aprobación do comité clínico son casos moi graves incompatibles coa vida e soen facerse en Ourense.

E despois do aborto?

Hai unha terceira consulta na que se fai unha revisión e control de síntomas anímicos e físicos mediante ecografía e a instauración de anticoncepción.

Detéctanse tarde moitos embarazos?

A tendencia é que cada vez se detectan antes, pero ás veces hai problemas sociais ou de parella que fan que se atrase a detección e a decisión. Hai mulleres que están pendentes doutras cousas; teñen moitos fillos, dificultades económicas, abandono da súa saúde e problemas relacionais polo fallo ou incerteza sobre o compromiso da parella.

A que se deben tantos embarazos non desexados?

Pensar que o podemos controlar todo é imposible a as circunstancias da muller fan que ás veces teña máis de un embarazo non desexado, moitas veces son mulleres que sofren violencia de xénero ou abusos sexuais das súas parellas que se negan a usar métodos anticonceptivos. Detrás do aborto hai moitas realidades.

Hai algún perfil da muller que recorre a IVE??

Non, é unha situación de saúde que se lle pode presentar a calquera muller, de calquera idade ou condición social, económica ou profesional. As maiores porcentaxes teñen que ver con maior actividade sexual e iso ten que ver coa idade. Entre 25 e 39, porque na adolescencia as relacións sexuais con máis esporádicas e espazadas porque non hai parella. 

Hai demasiado papelorio burocrático?

Si, todas as mulleres prefiren simplificar o proceso ó máximo, con menos atrancos e contándollelo ó menor número de persoas, como é lóxico. 

Te puede interesar