A Sala Valente, na rúa do Paseo, exhibe a mostra "Os nosos Entroidos: exposición de traxes tradicionais e de personaxes". Está formada por 110 pezas de 44 entroidos da provincia.
"Indo pobo por pobo foron aparecendo novas figuras, temos Entroidos que case non existen e outros que se ían inaugurar este ano, e despois os tradicionais. Poderemos ter cinco ou seis máis figuras", apuntou o director da mostra, Franscisco González. Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, por asociacións culturais e por particulares. "O máis seguro é que na semana que vén veña outra careta impresionante, de máis de 130 anos", engadiu o experto. Son traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia, en palabras de Francisco González.
"Ourense é unha potencia do Entroido" valorou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante a inauguración da mostra, que se exhibe ata abril.