O centro de FP de A Farixa amosa ós alumnos as novas tecnoloxías

O salón de actos do Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa acolleu onte a última sesión e a clausura das Primeiras Xornadas sobre o uso das TICs (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), dirixidas aos alumnos de segundo curso dos ciclos formativos. Así, os mozos e mozas participantes nestas xornadas coñeceron polo miúdo as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías que están a revolucionar o mundo das comunicacións, tanto o campo social como empresarial.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial de Educación, Cultura e Ordenación Universitario, Mercedes Gallego, presidiu o acto de clausura destas xornadas e participou na entrega dos diplomas acreditativos da asistencia aos seus participantes.

As xornadas estiveron distribuídas en cinco sesións impartidas por expertos na materia e tiveron unha duración total de 10 horas. Entre os temas nos que afondaron figuran a presentación, manexo de ficheiros de audio e as súas aplicacións en PodCast; o tratamento dixital da imaxe; as redes sociais e, por último, os negocios na rede e o marketing on-line. Martínez aproveitou este acto para salientar a aposta que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a facer polas ensinanzas de Formación Profesional adaptadas ás necesidades dos sectores productivos.

Te puede interesar