Diarios do pasado

Cidadáns no Ourense do século I dC?

photo_camera No medio, reproducción da ara de Titvs (Centro de Interpretación das Burgas).
No medio, reproducción da ara de Titvs (Centro de Interpretación das Burgas)

A incorporación do territorio ourensán ao imperio romano tivo unha gran transcendencia e, entre outras consecuencias, o nacemento da cidade de Ourense, a supeditación a Roma e a necesidade de organizar aos habitantes da zona dende o Estado romano. Unha vez que estes dependen do aparello administrativo do imperio, é imprescindible aplicarlles unha categoría xurídica. E é necesario porque o pobo romano é una sociedade de clases. Posiblemente despois da conquista, os habitantes da Gallaecia tivesen xenericamente a categoría de “peregrini dediticii”, que segundo as leis romanas eran maioritariamente libres, pero sen dereitos cidadáns por ser vencidos por Roma sen condicións. Dende o punto de vista tributario eran “stipendiarii”, pagadores de impostos e, ao mesmo tempo, estarían obrigados a achegar soldados ao exército romano. Contamos cun dato moi importante, pero aínda non aclarado. Segundo o historiador Plinio o Vello, o emperador Vespasiano concedeu o dereito latino, o “ius latii”, a toda Hispania seguramente no ano 73/74 d. C, o que acontecía cando estaba a nacer a cidade de Ourense. Pero moitos historiadores pensan que o edicto non alcanzou a todos os habitantes e só se aplicou a algunhas cidades moi romanizadas.

A cuestión da cidadanía é moi importante, porque ser cidadán implica, a grandes trazas, ter a consideración de membro activo e de dereito dun Estado, neste caso o romano, ser titular de dereitos políticos e ter a obrigación de cumprir as súas leis. Sen embargo, os documentos históricos non falan do Ourense máis antigo, nin das súas xentes. Pero outra vez a arqueoloxía pode botar algo de luz sobre esta cuestión tan descoñecida.

De novo As Burgas proporcionan unha información moi interesante, tamén sobre o asunto da cidadanía. Nas escavacións que promoveu o Concello de Ourense e dirixiu Celso Rodríguez Cao entre 2005 e 2010, apareceron cinco altares romanos, aras, dedicados por varios devotos ao deus das augas das fontes, Revve Anabaraego, quen lle concedía as propiedades salutíferas ás célebres augas termais. Noutra ara que aparecera antes no mesmo lugar durante unhas obras, o mesmo deus aparece escrito como Reve Anabaraego, con só un “v”. En cinco deses altares ou aras, datados entre a segunda metade do século I e primeira do II d. C., aparecen gravados os nomes das persoas que os dedicaron ao deus. Chamábanse Severvs Lvperci, Memmivs Evaristvs, Quintio, Caivs Faberivs Hyametvs e Titvs Flavivs Flavinvs. As inscricións dan datos ou indicios, nalgún caso sobre as súas orixes gregas, noutros sobre a condición social, como na ofrenda que fixo o liberto Quintio.

Dos cinco so Caivs Faberivs Hyametvs e Titvs Flavivs Flavinvs teñen un nome con tres elementos, o sistema onomástico de “tria nomina”. Estaba formado polo equivalente ao noso nome de pila (praenomen), o da familia (nomen) e o semellante ao segundo apelido (cognomen). Este sistema triple, aínda que acompañado do nome da tribo romana á que pertencían e que nas inscricións das Burgas non consta, soe atribuírse á condición de cidadán romano.

Como acertadamente di a profesora Mª Cruz González Rodríguez, puidera ser que o dereito latino de Vespasiano convertese a Titvs e a Caivs, ben en cidadáns, ben en simples detentadores dese dereito latino. Se fose a primeira posibilidade, coñeceriamos dous cidadáns romanos de Ourense cando a cidade estaba nacendo. Máis aínda porque non escriben os seus lugares de orixe. Cando os devotos proceden doutros lugares de onde se fai a ofrenda, as inscricións soen indicar a súa patria orixinaria. E non é o caso.

Te puede interesar