Non haberá nos estantes best-sellers, nin sequera novidades literarias

A cidade contará cunha libraría de Arte e Historia

Alfonso Prada, editor e agora tamén libreiro, ultima detalles da inauguración. (Foto: Miguel Angel)
Fai o que queiras, dixéronlle de cativo a Alfonso Prada, pero non montes unha libraría, por favor. Pasou o tempo. Medrou. Montou unha libraría. Hai soños que consisten en desobedecer. Fernando Fernán Gómez pensaba que convén intentar que as grandes ideas parezan pequenas, superficiais e cotiáns. Hai talvez algo diso na libraría Duen de Bux, que esta tarde fica inaugurada na praza Maior. Cando todo arredor treme, incluso cae e escacha como consecuencia da dialéctica sísmica da crise, alguén practica un malabar. Duen de Bux chega como unha corredoira ou prolongación da editorial que Prada posúe co mesmo nome.
É unha idea antiga. 'Se editas libros, queres estar nas librerías', así que o camiño curto é abrir unha. 'É un exercicio de risco -admite- pero a crise é unha boa ocasión para non baixar os brazos e buscar saídas alternativas'. Non haberá nos estantes best-sellers, nin sequera novidades literarias. Nada de ficción, a menos que sexa a que edita o propio Prada. A nova libraría estará especializada -e limitada- na Historia, o Arte, o Deseño, a Historia do libro, a Documetación, e unha sección local que aborda Ourense como espazo literario: dende guías a ensaios, novelas o poemarios, mentras transite por eles Ourense.

Nesta proposta hai algo de capricho. 'Os libros que como lector buscaba fóra, agora tereinos aquí'. A particularidade estará no conxunto; por riba de volúmenes destacables, a suma. 'Disporemos de todo o que hai publicado en español sobre a Historia do libro ou as tipografías. Queremos ser provedores de profesionais, estudosos da Historia e o Arte'. Esto concede singularidade á libraría máis aló de Ourense. 'No momento de seleccionar o catálogo, os distribuidores sorprendíanse de que esa selección viñera non só para Ourense, senón a Galicia'.

Se a inercia cultural funciona, Prada agarda que o negocio amplíe a influencia a toda Galicia. Pero as pretensións, porén, fican aquí. 'Hai mercado. A aposta é, ante todo, por Ourense. Aquí existen xa non só individuos, senón grupos que traballan coa Historia e a Arte. Falo dos grupos Marcelo Macías ou Francisco de Moure, por exemplo'.

Te puede interesar