O sector prevé incrementar as vendas e estima que o gasto medio por consumidor situarase arredor dos 80 euros

O comercio abre hoxe as rebaixas con descontos que chegan ata o 70%

Un grupo de mulleres observa un escaparate con rebaixas. (Foto: JOSÉ PAZ)
Os sectores de téxtil e calzado concentrarán a maior parte das vendas nas rebaixas da tempada de inverno, que dan inicio hoxe. Cada establecemento poderá escoller a duración desta campaña, que deberá ser dun mínimo dunha semana e dun máximo de dous meses, entre os días 7 de xaneiro e 7 de abril.
Os comerciantes ourensáns afrontan con optimismo esta campaña xa que, inicialmente, os seus cálculos apuntan a un incremento no índice de vendas que lles permitirá mellorar os resultados da pasada tempada.

Neste senso, o presidente da Federación de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez Villar, estima que o gasto por consumidor rondará os 80 euros de media por persoa, e estímase un lixeiro aumento nas vendas. Ademais, haberá importantes descontos xa dende os primeiros días, xa que será frecuente atopar rebaixas do 50% e, nalgúns casos, ata o 70%, coa finalidade de incentivar o consumo por parte dos clientes.

Asemade, con motivo do inicio das rebaixas de inverno, mañá domingo, 8 de xaneiro, os establecementos comerciais poderán abrir as súas portas. O de mañá é o primeiro dos oito domingos e festivos do ano nos que o comercio ten permitido abrir.

Te puede interesar