A zona do casco antiguo coñecida como 'dos viños' é unha das máis populares -seguramente a máis- da cidade. Centos ou milleiros de persoas van polas suas ruas dun lado a outro, facendo paradas nos bares. Viño e pinchos completan unha tradición

A comida, a bebida e a movida...

Si hai un sitio onde os ourensáns se perden plenamente conscentes, é a zona dos viños, o lugar público que máis xente concentra de toda a cidade. O que hai décadas era un grupo de bares para tomar viños á hora do aperitivo e a última hora da tarde, foi evolucionando ata convertirse en punto de encontro máis alá da bebida: centro de tertulias, reunión de amigos ou, simplemente, pasear polas súas rúas.
A área que engloba a zona dos viños non ten unha delimitación precisa, ainda que, máis ou menos, abarca dende a Praza do Trigo, a rúa das Flores, Praza do Correxidor, rúa da Unión, Gravina, Pizarro, A Lúa, Viriato, Paxaro, Praza do Ferro, San Miguel, rúa da Paz, Juan de Austria, Irmáns Villar, Eirociño, e sobre todo, as rúas de Lepanto e dos Fornos, que constitúen o corazón do entorno.

Decenas de bares e locales de tapas sucédense un baixo sí e outro tamén de norte a sur e de leste a oeste. Hai nomes míticos que deben a sua sona ós anos de funcionamento ou ó seu bon facer á hora de atender ós clientes. O Catador, Porta da Aira, O Bimba -famoso en tempo pola venda de excelente marisco cocido-, O Trangallán -unha institución en Ourense, como hosteleiro e como atracción e impulsor do entroido popular ourensán, recentemente desaparecido-, o Sinesio, o Crespo -pura historia os dous- o Orellas da rúa da Paz, herdeiro do mítico bar Orellas ubicado na mesma rúa, pero ó lado contrario. (Ocupaba un soto a carón do Teatro Principal e pechado tres décadas atrás. O local era un tugurio infame, con ducias de orellas e outros productos de porcos colgados no teito e co chan cheo de humidades propias do local e máis do viño e outros líquidos que caían dende as mesas. Naide sabe se aquelo se limpaba algunha vez, pero á saída da película que proxectaba o Principal na función de tarde, era imposible saber de que color eran as cousas. Aquil local non resistiría unha inspección sanitaria, nin ainda que o inspector entrara cos ollos pechados. Con todo, o certo era que o sabor das tapas de orellas era insuperable en moitos kilómetros á redonda, razón pola que en moitos momentos estaba atascado, obligando ós clientes a facer cola para ser atendidos. As deficiencias, entón, parecían menores e, ademáis, compensábanse co bon trato dos propietarios. Son parte da historia do lugar.


PINCHOS DE REFERENCIA

Unha das características do entorno é que habendo ampla oferta para contentar a todos os gustos, cada local adoita ter uns pinchos de referencia, perfectamente distinguidos pola clientela. Os hosteleiros confesan que esa especie de especialización prodúcese de dous xeitos: porque o que os elabora é capaz de gañar o paladar da concurrencia, ou pola decantación dos clientes por unha tapa determinada e, a súa vez, impulsando ó taberneiro a seguir a corrente. Ó fin, o consumidor nunca se equivoca.

O paso do tempo foi ampliando o abano, tanto no espazo considerado como ámbito da zona dos viños, como nos horarios e no perfil dos asiduos. Antigamente, a maioría conformábana os bebedores de viño, que ían en pandillas formadas por amigos ou compañeiros de traballo e, xeralmente, cada un dos integrantes invitaba a unha ronda. Algúns chegaban a considerarse bebedores profesionais, capaces de trasfegar unha ducia de tomas, ou máis, antes de ir para a casa a xantar. Logo había os da última hora da tarde, tamén á salida do traballo e antes de cear.Maioritariamente eran homes, aínda que a partires dos anos setenta, a presencia de mulleres foise facendo máis cotián, ata situarse en pé de igualdade.

Como queda dito, a bebida de consumo maioritario era o viño do Ribeiro, malo e turbio como eran na época, servido en tazas de cerámica branca esmaltada ou en vasos estreitos e de pequeno tamaño; nunca en copas.

Os cambios impostos polo paso do tempo teñen sido profundos, aínda que se mantén a esencia. Véndese moito viño, pero debe enfrontarse á competencia de outras moitas bebidas, fundamentalmente a cervexa. Tamén se popularizaron as terrazas, onde a xente come, bebe e parola se o tempo o permite e onde os fumadores colman á sua dependencia.

Ampliáronse os horarios e incluso hai negocios con enfoque diferente, xa que se centran na atención nocturna como locais de copas e música; a oferta é tan ampla e heteroxénea como os asiduos. Eso fai que o que de noite é o centro da movida ourensán, pola mañán sexa un espazo cuasi desértico, só usado polas xentes que cruzan dunha parte a outra da cidade. A diversión dorme polas mañáns, e ata o mediodía non empeza a desesperezarse o ambiente, se ben os locais da zona baixa (Paz e Praza do Ferro sobre todo), son máis madrugadores.

Sobre os efectos da crise, hai opinións dispares entre os hosteleiros, pois ainda que existe alto consenso en que se notan na facturación, hainos que dín que o empeoramento da situación económica fai que 'algunha xente que antes se divertía en outros sectores ou estratos, agora vén ós viños. Eiquí cómese e céase por pouco diñeiro, ca particularidade de que se fai no medio de bon ambiente e ca posibilidade de confraternizar con familiares, amigos e coñecidos', sostén un veterano profesional.

'Houbo que axustar prezos e traballar moito, pero hai zonas moito máis castigadas pola crise que ésta. Tamén hai que apuntar que a maioría dos establecementos fixo un importante esforzo por dispor dunha oferta gastronómica atractiva', afirma outro.

Te puede interesar