Esta iniciativa promóvese a través de acordos entre os propietarios das terras e produtores voluntarios

O Concello arranca 'Come Ourense', un proxecto para activar hortas sen uso

Esta mañá foi presentada no Salón de Plenos do Concello de Ourense a posta en marcha, mediante as Concellerías de Medio Ambiente, Participación Cidadá, Urbanismo e Perímetro Rural, e dentro do proxecto rede de cidades europeas de desenvolvemento urbano Urbact, a iniciativa “Caixa de hortas”, denominada “Come Ourense”.

A finalidade da mesma é o desenvolvemento dunha batería de actividades coordinada, para fomentar o retorno a un estado produtivo, desde o punto de vista da produción agroalimentaria, de hortas sen uso da periferia da cidade, por medio de acordos de cesión entre propietarios e produtores voluntarios, que se comprometen ao coidado e traballo da mesma durante un período de tempo determinado. Así, foméntase a produción, distribución e promoción dunha alimentación local sustentable, saudable e ecolóxica, á vez que se redundará na limpeza das zonas -diminuíndo a probabilidade de incendios-.

O Concello xestionará o deseño e desenvolvemento dunha base de datos, para por en contacto aos cidadáns propietarios das hortas sen uso, e aos potenciais coidadores. Para facilitar estes acordos, un grupo de apoio local ao proxecto, formado por axentes relacionados coa temática e representantes dos grupos políticos da Corporación Municipal, colaboraron no deseño dun modelo base de acordo entre propietarios e cidadáns.

O proxecto contará coa colaboración do Servizo de Rehabilitación, VPP e PERIs do Concello, para atención e información relativa ao programa, así como a inscrición e os acordos de cesión da caixa de hortas. O horario da sede central, na rúa Primavera, 1, é de luns a xoves de 9 a 14 h; e a sede da Oficina de Rehabilitación do ARI Seixalbo, na AV San Breixo, en Seixalbo, de 10 a 12 os venres.

Te puede interesar