La Región

ENTREVISTA

"Os concellos do rural teñen moito que dicir no reto da España vaciada"

Tamara Balboa, presidenta da Confederación de Centros de Desarrollo Rural (Coceder), é unha das voces que berra para que os políticos miren pola "España vaciada"

Tamara Balboa.
Tamara Balboa.
"Os concellos do rural teñen moito que dicir no reto da España vaciada"

"Todos temos un lugar no mundo e o meu é Vilar de Cervos (Vilardevós)", di Tamara Balboa. É a presidenta da Confederación de Centros de Desarrollo Rural (COCEDER). Traballadora social de profesión, conta que é un privilexio poder vivir e traballar no lugar onde naceu. Coordina actividades no Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, en Vilardevós, que tamén forma parte de Coceder. Esta ourensá é unha das voces que berra para que os políticos miren pola "España vaciada". Faino dende esta ONG de acción social formada por 23 centros de desenvolvemento rural e unha federación, pertencentes a nove comunidades autónomas. Levan trinta anos loitando por servizos de calidade no rural.

Que pasou despois da manifestacion da España vaciada?

Foi un paso adiante. Por primeira vez, a xente do medio rural fomos capaces de alzar a nosa voz e de que  o resto de España mirase cara nós. Foi importante porque estamos en campaña electoral. O medio rural empeza a estar na boca dos partidos políticos, pero non imos cesar na loita. As 80 entidades organizadores seguen coordinadas e hai máis accións en mente. Esíxeselles a todos os partidos que, goberne quen goberne, haxa un novo pacto de Estado contra a despoboación. 

A "España vaciada" está no punto de mira para a captación de voto. Hai oportunismo? Ten fe nalgunha das propostas?

Está claro, están xogando todos con ese oportunismo. Os partidos maioritarios estiveron gobernando durante décadas e nunca se acordaron do rural. Non sei ata que punto o discurso dalgúns callará na xente. O medio rural é moi diverso, non somos todos xente maior nin conservadora, nin todos defendemos tradicións arraigadas. Diversidade de opinións. Eu non vexo a ningún dirixente con esas imaxes no rural e subidos a tractores que fan estes días, non coa. A situación de despobación vén de décadas, froito de políticas de décadas, de acción ou omisión.

Recorda que o rural é moi diverso. É envellecido. Pero máis alá dos datos, hai prexuizo?

Si, pode ser que aínda exista. Que o medio rural é aínda conservador, con voto conservador... En moitas comunidades é un reflexo, si, pero a realidade empeza a mudar.

Cal é o papel de Coceder na loita?

O que vimos defendendo dende a fundación, no 1991. Loita permanente por manter servizos no rural, servizos que non foron cubertos polas administracións. E escoitar á xente. Coceder foi pioneiro en abrir garderías e vivendas comunitarias para maiores, servizos de atención a persoas con diversidade funcional, centros de emprego... É que no medio rural están reflectidos tódolos colectivos da sociedade. E non reciben resposta nin atención axeitadas que recibirían na cidade.

Escolas sen nenos. Cal é a outra alternativa ao peche para manter un centro con tres rapaces?

O que debemos facer en Galicia é un pacto polas escolas rurais. Non se poden aplicar os mesmos ratios ca na cidade. Sempre estamos loitando polas ratios e sempre se perde algunha unidade ao ano. Eses nenos xa non teñen as mesmas atencións, pero isto é consecuencia dunhas políticas. A calidade educativa é o feito determinante para que as familias non marchen do rural. Pódeste desprazar a un concello do rural todos os días a traballar, pero o que queres é que os teus fillos teñan unha educación de calidade. No colexio de Cualedro prestamos o servizo de madrugadores, porque abre ás 10,30 da mañá. Non pode abrir antes pola ruta de transporte. Xa me dirás que colexio abre a esas horas e como unha familia concilia a súa vida. Non hai ningún traballo que empece a esa hora. Quedas na casa?

É suficiente coa xente que se quere quedar no rural? 

Non. O rural necesita atraer xente. 

A captación dos retornados é unha medida?

Non sei ata que punto solucionaría o problema demográfico. Veñen coa vida feita. Benvidos, pero non é a solución. Os concellos do rural necesitamos xente nova.

Para os mozos: emprendemento, acceso a vivenda...Como afrontar o reto?

É un compendio de todo, un compromiso de tódalas administracións. O tema de manter os servizos é fundamental. Podemos atraer xente nova, pero cómpren servicios educativos de calidade, sanitarios, sociais... E flexibilidade lexislativa: non se lle pode pedir a un pequeno emprendedor o mesmo que a unha gran industria. Recoñezo que ao medio rural a xente que chega non só se vai a adicar a agricultura a gandería, pero esta ten que ser a base de actividade. Cando funcione, pódense facer moitas cousas. Fomentar o consumo de proximidade, loitar pola soberanía alimentaria... E niso os pequenos concellos teñen moito que dicir.  A vivenda? No medio rural hai moita vivenda baleira pero non é tan fácil conseguila. Problemas coa propiedade, vivendas que non se sabe a nome de quen están, trabas no catastro... A vivenda é importante, tamén a terra, para a xente nova que quere emprender e ve inviable conseguir licencias.

E a brecha dixital?

É un dos factores importantes. Hoxe para un agricultor e un gandeiro todo pasa pola oficina agraria virtual. Pedir permisos ou axudas ou levar un becerro ao matadoiro pode ser un suplicio se non tes unha conexión decente... Á parte do longo proceso, que máis que agricultor pareces administrativo.

Falta conciencia na sociedade?

Si. Como cidadáns temos moito que facer. Podemos decidir apoiar ao panadeiro, ao veciño, que xeran economía, ou deixar os cartos nas grandes superficies.

É optimista? Como ve a esta provincia no futuro?

As estatísticas non son alentadoras, e non somos das peores de España. Ourense é tremendamente envellecida pero non é das máis despoboadas. Estou no punto de ver que algo está empezando a xurdir. Vexo á xente máis cansada das cidades. Hai xente que xa empeza a valorar aquilo que durante tanto tempo deostamos. O ser humano necesita contacto coa natureza. O novo modelo pasa polo medio rural habitado e habitable. O que non é sostible é manter a millóns de persoas en grandes urbes. O cambio climático está aquí. Isto urxe medidas e o novo modelo pasa por rehabitar o rural.

Por que non se fixo antes unha manifestación así? As novas xeracións son as que protestan?

Porque agora vemos a gravidade do problema e as previsións en 30 anos para provincias como Ourense e Lugo. O que me xera desasosego é que estamos nunha situación de urxencia para non perder moitos saberes, unha cultura milenaria que nos fixo ser autosuficientes. A xente das nosas aldeas podía ser autosuficiente, non nos podemos olvidar. Iso está a piques de perderse. E iso non se recupera. O medio rural poderase rehabita, pero imos perder unha cultura e identidade nosas. É un grave risco.