Confirmados dous novos casos de lingua azul noutras tantas explotacións de Baltar

O Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid) confirmou en Galicia cinco novos casos da enfermidade da lingua azul, dos que dous se sitúan en Ourense, en dúas explotacións do concello de Baltar. As outras tres granxas afectadas emprázanse na provincia de Pontevedra. A estes dous novos casos confirmados en Ourense engádense os oito advertidos hai dúas semanas, e que afectaron a tres granxas de Lobios, e a unha nos termos municipais de Riós, Bande, Calvos de Randín, Baltar e Vilariño de Conso.
Segue detectándose a incidencia da enfermidade en concellos limítrofes ou próximos a Portugal, o que fai pensar á Consellería de Medio Rural que estes brotes da lingua azul teñen moito que ver cos casos recentes diagnosticados no norte do país veciño, onde foi advertida a circulación do virus nos distritos de Viana do Castelo, Vila Real e Braga.

O secretario sindical de Unións Agrarias, José Ramón González, manifestou onte a súa ‘preocupación’ pola aparición de este virus en Galicia, especialmente nas áreas de Ourense e Pontevedra.

Só en Ourense hai preto de 3.000 explotacións ‘con algún dereito a ter vacas nodrizas’.

Reclamou a ‘actuación inmediata’ da Xunta, coa fin de evitar a extensión do brote noutras explotacións, que se caracterizan pola ‘falta de recursos’. O mércores ten prevista unha reunión coa xefa de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural en Ourense, María Villar Suárez.

Te puede interesar